| "La Postrería", creada co apoio do programa Emprendedores, achega as creacións culinarias máis doces |
|
|
Santiago, 11 de setembro de 2006.- Rubén Romero e Juan Morandeira rexentan, dende hai cinco meses, La Postrería. Trátase dun local especializado en postres que ofrece aos cidadáns e visitantes da cidade de A Coruña unha alternativa diferente e novidosa dentro do ámbito da restauración. A medio camiño entre cafetería e restaurante, a impresión que deixa La Postrería a todos aqueles que a coñecen é difícil de explicar, hai que velo para experimentalo, di Rubén Romero. Rubén, que estudiou no Centro Superior de Hostalería de Galicia, decidiu poñer en marcha este proxecto despois de oito anos traballando no sector. Xunto co seu socio, Juan Morandeira, especializado no ámbito da imaxe e da moda, buscaba un concepto novo dentro do mundo da hostalería e a restauración, algo que os motivase e que, ao mesmo tempo, a xente soubese apreciar. O feito de que se decantasen polos postres veu dado pola escasa importancia que reciben na maioría dos restaurantes convencionais, sumado á pouca competencia de locais especializados que existe na cidade herculina. Un doce e amplo abano onde elixir Os postres son o produto estrela do local rexentado por Romero e Morandeira, todos elaborados por eles mesmos. Fontes de tres pisos polas que cae chocolate sen cesar, barcas recheas de froita, pastas e tentempés doces, un amplo surtido de chocolates e bombóns, xelados con sabores e texturas diferentes ou fondues de chocolate, forman parte da gran variedade de oferta de La Postrería, unha carta que, polo momento, está a funcionar moi ben, explica Rubén. A última innovación é unha colección de piruletas con formas de insectos e, proximamente, lanzarán unha colección de lámpadas chandelier elaboradas con caramelo. Pero, aparte de postres, o local coruñés tamén serve almorzos con todo tipo de bolería elaborada no propio restaurante. Ao mediodía, a clientela pode degustar algunha das súas propostas saladas, cápsulas con formas divertidas que conteñen diferentes tipos de tapas.Todo este abano gastronómico, caracterizado pola creatividade e a orixinalidade, non é o único reclamo de La Postrería, senón que o ambiente axuda a que a experiencia sexa única. A imaxe do local, a súa decoración e a súa disposición é un importante valor engadido. Unha das súas peculiaridades é a cociña, que está á vista dos clientes dándolles a posibilidade de ser testemuñas directas da elaboración dos manxares que poderán degustar. Dentro dos plans de futuro de La Postrería está a impartición de cursos para amateurs e profesionais, o que suporía tamén un sistema de fidelización de clientes. Pero este proxecto, pensado de cara ao inverno que ven, quizais teña que agardar debido á gran carga de traballo que están a ter estes meses. O local, o máis complicado O balance que fan Romero e Morandeira dos meses de actividade de La Postrería está moi por enriba das expectativas que tiñan nun principio. A pesares diso, para chegar ata aquí, o camiño percorrido estivo cheo de dificultades. A primeira e máis importante foi atopar o local. O proxecto estaba pensado para un local concreto que, por problemas xurdidos a última hora, non puideron adquirir. Así que tiveron que comezar de novo a buscar outro cunhas características semellantes que, finalmente, atoparon na rúa San Andrés. Á hora de buscar o financiamento coñeceron a axuda do programa Emprendedores do Igape ao que, en principio, non pensaban optar polo laborioso que resulta elaborar o proxecto. Uns meses despois, Romero afirma que foi un acerto porque é unha gozada ver o resultado, poder comprobar que as súas ideas se levaron a cabo e están funcionando. Ademais, tamén tiveron oportunidade de contar coa axuda dun titor que lles prestou asesoramento durante os trámites de creación da empresa. O camiño foi duro pero valeu a pena percorrelo. |
|
| Última actualización ( 30/11/2006 ) |


"La Postrería" ofrece aos seus clientes unha gran variedade de postres creativos e orixinais. En só cinco meses de funcionamento, o balance que fan da actividade os emprendedores é moi positivo. De cara o futuro, os seus promotores teñen en mente impartir clases para profesionais e amateurs da cociña.