| Compostela Monumental recibe o Premio Ecoloxía Galicia polo seu proxecto Lumicompostela |
|
|
A Asociación de Comerciantes da zona histórica de Santiago recibe o galardón máis prestigioso que premia as políticas ecolóxicas e medioambientais na comunidade. Apoiado polo Igape, o proxecto Lumicompostela permite coñecer o estado das luminarias dos establecementos comerciais, así como as melloras a impulsar para optimizar a intensidade lumínica dos locais, aforrando no consumo enerxético.
Santiago, 7 de maio de 2007.- A Asociación de Empresarios e Profesionais Centro Comercial Aberto Compostela Monumental ven de ganar o Premio Ecoloxía Galicia 2007 polo seu proxecto Lumicompostela, para o que a asociación contou co apoio do Igape, e polo seu Plan CCA Sostible.
Deste xeito, debido ao seu traballo no fomento do aforro enerxético e na defensa do medio ambiente e do Patrimonio Histórico Artístico, Compostela Monumental recibirá o galardón máis prestixioso que premia as políticas ecolóxicas e medioambientais en Galicia, outorgado polo Grupo de Ecoloxía e Medio Ambiente Científica de Galicia (GECMA). A asociación do casco histórico santiagués presentou á edición 2007 destes premios o proxecto Lumicompostela e o Plan CCA Sostible, que fomentan o aforro enerxético, o exceso de contaminación lumínica e un plan de actuación de recollida de residuos, pensada especialmente para a zona histórica compostelá.
Lumicompostela é un proxecto apoiado nunha alta porcentaxe polo Institugo Galego de Promoción Económica (Igape), a través do Plan de Consolidación e Competitividade da Peme (PCCP). Esta iniciativa consiste na realización de diagnósticos individualizados a 200 establecementos asociados ao CCA do casco histórico compostelano para coñecer a situación e o estado das súas instalacións eléctricas e lumínicas, desenvolvendo un Plan de Renovación das mesmas e fomentando un aforro enerxético que, nalgúns casos, pode alcanzar un 60%.
O presidente da asociación, José Manuel Bello Rey, destacou que é unha honra para Compostela Monumental recibir este novo premio, que dalgún xeito recoñece o duro traballo que estamos a levar desde o noso colectivo para mellorar o noso entorno, así como a calidade dos proxectos que estamos a desenvolver. Compostela Monumental recibirá o galardón o próximo día 16 de maio, nun acto que se levará a cabo no Auditorio do Centro Social Caixanova en Vigo. |
|
| Última actualización ( 28/05/2007 ) |


