Máis de 500 encontros orientados a incrementar a internacionalización das empresas galegas PDF
Os directores dos Centros de Promoción de Negocios (CPN) que o Igape ten en Alemaña, China, Estados Unidos, Polonia e Xapón mantiveron arredor de 300 entrevistas personalizadas con empresarios galegos interesados nos mercados exteriores. Os empresarios que apostan pola internacionalización recibiron tamén información sobre os mercados e actividades do seu interese no encontro cos axentes comerciais mediadores que atenderon, pola súa banda, máis de 200 entrevistas.
 
Santiago, 12 de xullo de 2009.- Os empresarios galegos que apostan por iniciar ou ampliar a internacionalización das súas empresas tiveron oportunidade de manter, na sede do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) en Santiago, máis de 500 entrevistas personalizadas cos directores dos Centros de Promoción de Negocios (CPN) que o Instituto dependente da Consellería de Economía e Industria ten no exterior ou con axentes comerciais mediadores especializados noutros mercados de interese para a economía galega.
 
Un total de 132 empresarios ou representantes de asociacións empresariais participaron no encontro cos directores dos Centros de Promoción de Negocios (CPN) do Igape no exterior que se desenvolveu en Santiago do 1 ao 5 de xuño de 2009. Estes empresarios galegos interesados en iniciar ou avanzar no proceso de internacionalización das súas empresas, e na difusión dos seus produtos e servizos noutros mercados, tiveron a oportunidade de manter un total de 336 entrevistas bilaterais no marco destas xornadas de asesoramento especializado cara a internacionalización.
 
Durante eses cinco días, os interesados puideron manter entrevistas individualizadas cos directores dos CPN que o Igape ten en Alemaña, China, Estados Unidos, Polonia e Xapón para coñecer aspectos relevantes destes mercados, así como as informacións que cómpre coñecer para acometer procesos de internacionalización nos mesmos. Os sectores máis activos neste encontro cos CPN de 2009 foron os de elaboración e conservación de pescados, comercio e loxística ou actividades informáticas.
 
Co obxectivo de apoiar a internacionalización das empresas galegas, o Igape organizou ademais un punto de encontro con axentes comerciais mediadores cualificados para un importante número de mercados exteriores, como continuación ao citado punto de encontro cos directores dos CPN. Este encontro cos axentes comerciais mediadores celebrarouse tamén na sede do Igape en Santiago de Compostela, entre o 30 de xuño e o 2 deste mes de xullo.
 
Os axentes comerciais mediadores son cualificados para cada mercado tras contrastar a súa experiencia. Son expertos en comercio exterior, canles de distribución e servizos á internacionalización, e actúan por conta propia e con independencia do Igape, que facilita o contacto directo dos empresarios galegos con eles mediante puntos de encontro como este, orientado a apoiar ás empresas galegas interesadas en iniciar ou ampliar a internacionalización.
 
Os Axentes Comerciais Mediadores que acudiron a este punto de encontro, cos que as empresas galegas puideron manter entrevistas personais son expertos en mercados como Alemaña, Bélxica, Eslovaquia, Letonia, Francia, Polonia, República Checa, Suecia, Romanía, Portugal, Reino Unido, Rusia, Brasil, Venezuela, República Domincana, México Marrocos, China, EE.UU ou Xapón.
 
Tanto durante o encontro cos CPN do Igape como durante o encontro cos axentes comerciais mediadores, as empresas galegas tamén tiveron oportunidade de recibir información detallada sobre os servizos e axudas de que dispón o Igape para dar apoio ás iniciativas de internacionalización.
Última actualización ( 09/08/2009 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design