Máis dunha ducia de empresas galegas exploran o mercado de Brasil a través da Rede Pexga PDF
Esta oficina comercial, que atende ás firmas galegas que están a estudar oportunidades e alianzas en Brasil, acolle provisoriamente a varias empresas galegas que preparan a súa implantación directa. A presenza nunha economía emerxente como Brasil perfílase como unha grande oportunidade para as empresas galegas. A industria petrolífera e naval, a construción, o software, as enerxías renovables ou os produtos alimentarios de calidade son os sectores que están a presentar mellores oportunidades de negocio ou alianza para as empresas galegas.
 
Santiago, 20 de  xaneiro de 2012.- Máis dunha ducia de empresas galegas de diferentes sectores están a explorar o mercado brasileiro apoiadas pola Xunta de Galicia a través da oficina comercial aberta pola rede Pexga en Sao Paulo o pasado mes de setembro, e que vén de ser visitada polo director de Internacionalización do Igape, que mantivo reunións de traballo co equipo do centro e cos bolseiros alí destinados polo Instituto dependente da Consellería de Economía e Industria para especializarse en comercio exterior.
 
Tamén se mantivo un encontro co agregado comercial da oficina da embaixada de España en Sao Paulo, Angel Funes Rivera, co obxectivo de fomentar a colaboración institucional entre a Xunta e o Instituto de Comercio Exterior (ICEX) e compartir proxectos e participacións conxuntas nas feiras oficiais planificadas en Brasil durante este ano, como a SIAL Brazil, do sector da alimentación (Sao Paulo), Equipotel Nordeste, do sector de hostalería, equipamento e gastronomía (Recife), Río Oil-Gas, da industria do petróleo ou Náutica Deportiva (tamén en Río).
 
A plataforma Pexga en Brasil, creada pola Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, en colaboración coa Confederación de Empresarios de Galicia, facilitou polo de agora a identificación de oportunidades de negocio e colaboradores locais a empresas galegas de sectores como o desenvolvemento de software, industria naval e pesqueira, enxeñería ou alimentación gourmet. Ademais da procura de aliados e clientes en Brasil, desde a plataforma estase a facilitar ás empresas interesadas información sobre aspectos como a creación de empresas nese país ou estudos sobre o mercado. Na actualidade varias empresas galegas ocupan de forma provisoria despachos na sede de plataforma da Xunta, mentres avanzan o proceso para a súa implantación directa.
 
O mercado brasileiro vive  nestes momentos un momento de alta actividade económica, como corresponde a unha das primeiras economías do mundo. Os sectores que están a presentar mellores oportunidades de negocio ou alianza para as empresas galegas son os da industria petrolífera e naval, a construción, o desenvolvemento de software, as enerxías renovables e os produtos alimentarios de calidade.
Last Updated ( Monday, 23 January 2012 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design