| Morley recomenda aos emprendedores basear os seus proxectos en elementos de mercadotecnia |
|
O experto internacional participou na Xornada de Emprendemento Tecnolóxico organizada polo Igape, na que se presentaron catro proxectos emprendedores. Richard E. Morley expuxo a súa idea do significado de emprendedor como aquela xente que ten pasado por quebras e que ten sabido sair adiante. As iniciativas empresariais deben contar cunha financiación limitada, dixo, e estimou que un exceso de fondos pode matar unha boa idea.Santiago, 24 de abril de 2007.- Richard E. Morley, referente internacional das tecnoloxías de automatización de procesos industriais, recomendou aos emprendedores galegos realizar unha estratexia de posta en marcha dos seus proxectos centrada en elementos de mercadotecnia. Durante a súa intervención na Xornada de Emprendemento Tecnolóxico organizada polo Igape, o experto explicou que son os aspectos comerciais os que deben orientar a estratexia dunha empresa, que debe transmitir con nitidez o que fai, deixando claro por que os seus produtos melloran a oferta existente no mercado.
Durante o encontro, celebrado no Hostal dos Reis Católicos, en Santiago de Compostela, realizouse a presentación de catro proxectos emprendedores galegos que se están a desenvolver no ámbito tecnolóxico. Os promotores destas iniciativas contaron coa visión profesional de Morley, quen explicou que é importante que as iniciativas empresariais conten cunha financiación limitada. Un exceso de fondos pode matar unha boa idea, sentenciou. Ademais, deixou clara a súa idea de emprendedor que fai referencia a aquela xente que ten pasado por quebras e que ten sabido sair adiante. Eses son os verdadeiros emprendedores, sinalou.
Na xornada tamén interviu o director xeral do Igape, José Antonio Delgado Arce, que foi o encargado de presentar e dar paso á intervención do experto. Delgado Arce destacou a importancia do emprendemento tecnolóxico, que entraña máis dificultades pero que tamén é un dos campos con maior futuro para as iniciativas emprendedoras, dixo.
Catro iniciativas emprendedorasJesús Fuente de Prada foi o encargado de presentar o proxecto da planta de tratamento de polvos de acería, que permite separar o óxido de ferro para reintroducilo no proceso produtivo. Esta iniciativa emprendedora, basada nas novas tecnoloxías, ofrece como principais vantaxes a innovación, a creación de emprego e o efecto dinamizador na comunidade. Os promotores resaltaron que, para a súa posta en marcha, a busca dun terreo ou a necesidade de financiamento para instalar a planta piloto son algunhas das dificultades que se lles presentan.
Outro dos proxectos de alto compoñente tecnolóxico presentados foi o dunha planta de reciclado de plásticos. Jorge Peirano sinalou que este sector representa unha oportunidade de negocio en Galicia posto que a xeneración de residuos aumenta notablemente e España necesita máis de seis veces a súa capacidade de reciclado actual. Coa posta en marcha desta planta, os promotores teñen previsto tratar máis de 2.000 toneladas de residuo plástico das que unhas 1.800 serían recuperadas para a venda.
Insido, unha empresa privada de capital galego que se dedica á fabricación de equipos tecnolóxicos innovadores nos sectores de telecomunicacións e fogar, e que xa está en funcionamento, ten as súas perspectivas postas na comercialización de alto crecemento a partir do seu know-how técnico e de negocio. Segundo Elías Pérez, Galicia é un lugar axeitado para o emprendemento pero as maiores dificultades xorden coa falta de financiamento e o pouco interés actual polas empresas tecnolóxicas.
José Suárez Romero, pola súa parte, presentou Hipertiendas, unha plataforma de comercio electrónico, vinculada á busca de solucións loxísticas neste eido. Este proxecto formula un sistema global de xestión para establecementos comerciais a través da rede. |
|
| Última actualización ( 28/05/2007 ) |


O experto internacional participou na Xornada de Emprendemento Tecnolóxico organizada polo Igape, na que se presentaron catro proxectos emprendedores. Richard E. Morley expuxo a súa idea do significado de emprendedor como aquela xente que ten pasado por quebras e que ten sabido sair adiante. As iniciativas empresariais deben contar cunha financiación limitada, dixo, e estimou que un exceso de fondos pode matar unha boa idea.
Catro iniciativas emprendedoras