Nova convocatoria de axudas para investimentos tecnolóxicos, emprendedores e internacionalización PDF
O Igape vén de facer pública unha nova convocatoria de apoios para promover investimentos tecnolóxicos, para impulsar iniciativas de internacionalización das pemes galegas, de mellora da competitividade ou de cooperación, e para promover a creación de empresas por novos emprendedores. As partidas habilitadas ascenden a 7,3 millóns de euros e as solicitudes resolveranse en réxime de concorrencia competitiva.
 
Santiago, 15 de novembro de 2007.- O Igape destina inicialmente ata 7,3 millóns de euros a apoiar investimentos tecnolóxicos, proxectos empresariais impulsados por emprendedores e iniciativas de internacionalización das pemes galegas, entre outras, no marco da nova convocatoria de axudas que vén de publicar no Diario Oficial de Galicia, e que se resolverán en réxime de concorrencia competitiva.
 
Así, o Igape prevé destinar inicialmente unha partida de dous millóns de euros para incentivar a realización de investimentos tecnolóxicos de 600.000 a 3.000.000 de euros, en diversos sectores incentivables, ou en equipamento en xeral no sector turístico, ao abeiro do procedemento IG102. O prazo de presentación de solicitudes  rematará o 31 de marzo de 2008.
 
Por outra banda, o Instituto destina outros dous millóns de euros para apoiar proxectos de investimento tecnolóxico comprendidos entre 100.000 e 600.000 euros e impulsados polas pemes (procedemento IG103). Neste caso, o prazo para a presentación de solicitudes estará aberto ata o próximo 30 de abril.
 
Do mesmo xeito, o Igape convoca novos apoios para proxectos dirixidos á mellora da organización  das pemes mediante a consolutoría de proceso e implantación de ferramentas de xestión e cadros de mando, e para proxectos específicos de protección e mellora ambiental.
 
Para apoiar a creación de empresas promovidas por novos emprendedores, no marco do procedemento IG107, o Igape  destina nesta nova convocatoria de apoios unha partida de un millón de euros. Neste caso, o prazo para a presentación das solicitudes rematará o 29 de febreiro próximo.
 
A nova convocatoria de apoios do Igape inclúe ademais axudas para promover a internacionalización das empresas galegas mediante o apoio á presenza en eventos expositivos internacionais, á organización de misións directas en algún dos mercados nos o Igape ten Centros de Promoción de Negocios (Alemaña, Poloña, China, Xapón e Estados Unidos), ou para a organización de misións inversas en Galicia.
 
Outras convocatorias de axuda abertas son as destinadas ao fomento das iniciativas  xeradoras de coñecemento nas pemes galegas, nomeadamente as destinadas a proxectos de cooperación, proxectos colaborativos, iniciativas de difusión ou preparación de proxectos de innovación para concorrer a convocatorias públicas estatais ou europeas.
Última actualización ( 17/03/2009 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design