Novos apoios do Igape para impulsar a formación de directivos, mandos intermedios e equipos técnicos PDF
Os incentivos á especialización do capital humano das pemes cubrirán o 45% dos custos, cun máximo de 6.000 euros por programa formativo. Ademais, estes programas poden ser impulsados por Pemes ou por agrupacións de empresas. A presentación das solicitudes, que se resolverán por concorrencia competitiva, deberá facerse antes do próximo 12 de maio.
 
Santiago, 11 de abril de 2008.- Para impulsar a mellora da competitividade do tecido empresarial galego, o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) oferta este ano novas axudas para á formación en xestión empresarial de directivos, mandos intermedios ou equipos técnicos das pemes galegas. O obxectivo é acadar a mellora da competitividade das pemes galegas mediante a formación especializada do seu capital humano.
 
No marco da nova normativa reguladora dos incentivos á formación empresarial, o Igape incorpora, no ámbito da base reguladora dos apoios para a mellora da competitividade das empresas galegas, unha nova liña de axudas para achegar formación especializada en xestión empresarial para directivos, cadros medios e persoal técnico cando forme equipo (forza de ventas, equipo de producción, ...). Esta liña é unha das novidades máis salientables que se incorporan aos apoios e incentivos xerais habilitados polo Instituto para 2008, e ten como finalidade ampliar e mellorar as habilidades en xestión empresarial de directivos, mandos intermedios ou equipos técnicos de Pemes galegas.
 
No caso das Pemes individuais, para poderen beneficiarse desta liña de axudas as empresas deberán ter polo menos 10 traballadores por conta allea e terán que presentar un programa formativo dirixido polo menos a 5 alumnos que cumpran as condicións de directivo, mando intermedio, ou membros do equipo técnico. No caso das asociacións e agrupacións empresariais, deberán presentar un programa formativo dirixido a un mínimo de 10 persoas de polo menos 5 Pemes distintas.
 
As axudas consisten en subvencións a fondo perdido que cubren o 45% dos custos subvencionables dos programas formativos, co límite de 6.000 € por proxecto. Os incentivos servirán para subvencionar os custos externos de formación, que abranguera un máximo de 50 h. presenciais por programa, e poderán apoiar tamén os custos externos de formación on-line complementaria, así como o custo de aluguer de aulas equipadas, de ser o caso.
 
As pemes ou asociacións empresariais interesadas en solicitar esta axuda deberán cumprimentar o cuestionario correspondente a través da aplicación telemática establecida no enderezo de Internet http://www.tramita.igape.es ata o 12 de maio deste ano. Para facilitar o proceso de cumprimentación do cuestionario, o Igape pon a disposición dos interesados o Servizo de asistencia técnica, a través do mesmo enderezo ou dos números de teléfono 902 300 903 ou 981 541 147.
Última actualización ( 17/04/2008 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design