| O conselleiro de Economía amosa o apoio da Xunta ós emprendedores como axentes activos do crecemento |
|
|
José Ramón Fernández Antonio pronunciou a lección inaugural do curso na Escola Universitaria de Estudos Empresariais de Vigo onde destacou o papel dos empresarios para acadar a converxencia. Santiago, 22 de setembro.- O fomento da cultura emprendedora e o impulso dos mecanismos de cooperación entre empresas, dos procesos de innovación e dos de internacionalización, son algúns dos elementos chave dentro do novo modelo de crecemento económico que está a impulsar a Xunta de Galicia no marco da súa política económica. Así o explicou o conselleiro de Economía e presidente do Igape, José Ramón Fernández Antonio, na Lección Inaugural do Curso 20062007 da Escola Universitaria de Estudos Empresariais de Vigo. Na súa intervención, o conselleiro apelou á importancia do espírito emprendedor da xente nova e á necesidade dunha adecuada formación para afrontar con éxito os desafíos que conlevan as iniciativas empresariais nun contexto de globalización como o actual. Fernández Antonio desbullou ante os alumnos da Escola algunha das cualidades que caracterizan aos empresarios, dos que destacou o papel como "axentes fundamentais do crecemento económico e creación de emprego", e tamén como "axente innovador". Nesa liña, o conselleiro lembrou tamén o papel da Administración pública na tarefa de crear as condicións axeitadas para o desenvolvemento da labor empresarial e, especialmente, no impulso dunha cultura emprendedora nun momento en que Galicia afronta o desafío de medrar máis a presa que o seu entorno. "O noso reto é converxer dun xeito sostido coas rexións máis desenvolvidas de Europa, transformando Galicia nunha economía competitiva e innovadora", afirmou. Para iso, subliñou, "unha das chaves da nosa estratexia é o estímulo das iniciativas emprendedoras". Despois de lembrar a oportunidade que supón para Galicia o novo período orzamentario na UE, Fernández Antonio destacou o reto de cambiar o modelo de crecemento nunha economía baseada no coñecemento. Nese escenario, engadiu, factores como a incorporación das novas tecnoloxías; o fortalecemento dos vínculos entre Universidade e empresa; as iniciativas de cooperación empresarial; ou a decidida aposta pola internacionalización das nosas empresas, son elementos fundamentais na estratexia promovida pola Xunta de Galicia co obxectivo de acadar a converxencia coas economías máis desenvolvidas en termos de crecemento sostible e emprego. Formación en conceptos e habilidades Na lección inaugural pronunciada na Escola de Empresariais, Fernández Antonio tamén repasou algúns dos valores e conceptos que forman parte da función dos empresarios e do proceso de creación de valor que protagonizan. Conceptos como produtividade, eficiencia, responsabilidade social, liderazgo ou innovación, foron sinalados polo conselleiro para explicar a importancia do empresario, e do conxunto da economía, na formación de sociedades prósperas e cohesionadas. Nesa liña, destacou o papel da formación e a cualificación non só en aspectos teóricos, senón tamén en habilidades prácticas que permitan afrontar con garantías os retos "dun mundo en constante e vertixinoso cambio". Por iso, tras animar ós alumnos no seu percorrido académico pola disciplina da Economía, o conselleiro quixo concluír a súa intervención lembrando que "o mellor xeito de predecir o futuro e construílo". |
|
| Última actualización ( 08/01/2007 ) |


