O Consello de Dirección do Igape analiza os avances do Plan Ferrol nun encontro con membros da AIPF PDF
ImageNa reunión presidida polo conselleiro de Economía e Facenda, participaron os conselleiros de Innovación e Industria, Medio Rural e Pesca, así como o director xeral de Formación e colocación da Consellería de Traballo. Entre as próximas accións está unha campaña de promoción das potencialidades das comarcas para acoller investimentos en sectores como biotecnoloxía, loxística e enerxías renovables.
 
Santiago, 19 de xullo de 2007.- O Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) analizou hoxe os avances do Plan de Desenvolvemento Integral das Comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, nunha xuntanza celebrada na sede do Instituto e á que asistiron o novo presidente da Asociación Impulsora do Plan Ferrol (AIPF), Ángel García, e o presidente saínte da mesma, Xulio Abelleira. Presidida polo conselleiro de Economía e Facenda e presidente do Igape, José Ramón Fernández Antonio, na reunión participaron os conselleiros de Innovación e Industria, Fernando Blanco; Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, e Pesca, Carmen Gallego, así como o director xeral de Formación e colocación da Consellería de Traballo, Pastor Fuenteseca. Tamén participaron no encontro o director xeral do Igape, Álvaro Álvarez-Blázquez, e o director da oficina xestora do Plan de desenvolvemento integral de Ferrol, Eume e Ortegal, Casto Varela.
 
Na xuntanza abordouse a evolución do Plan presentado o pasado mes de marzo, así como as accións previstas cara aos próximos meses nas áreas das  distintas consellerías (Innovación e Industria, Pesca, Medio Ambiente, Política Territorial e Traballo). Ademais, abordouse a próxima posta en marcha dunha campaña de promoción das potencialidades das comarcas orientada á captación de investimentos, que se desenvolverá a partir de agosto. A campaña terá tres niveis: galego, de España e internacional. A nivel internacional, a campaña de promoción insertarase en revistas especializadas nos sectores de biotecnoloxía, loxística e enerxías renovables, contemplados como obxectivo prioritario no Plan integral de desenvolvemento.
 
ImageA reunión prodúcese unha semana despois da xuntanza mantida polo presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e o ministro de Industria, Joan Clos, cos membros da AIPF en Ferrol. O presidente da Xunta destacou entón que a cooperación activa e o compromiso compartido pola Asociación Impulsora, o Concello de Ferrol, a Xunta de Galicia e o Goberno de España, é a maior garantía do éxito do Plan. O ministro tamén valorou moi positivamente o traballo de cooperación desenvolvido.
 
O Plan de desenvolvemento integral para as citadas comarcas mobilizará uns investimentos de 3.000 millóns de euros para acadar un crecemento económico dun 16% ata 2011 e facilitar a creación de 4.000 empregos. O Plan foi presentado polo presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e o conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, a comezos do pasado mes de marzo en Ferrol e dende entón púxose en marcha a oficina xestora do Plan e véñense desenvolvendo reunións periodicamente para facer un seguimento puntual do traballo.
 
Liñas de traballo
A execución do Plan de desenvolvemento integral das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal estase a impulsar ao través dunha ducia de liñas de traballo que teñen como obxectivos a consolidación do sector eólico na zona, o desenvolvemento do sector turístico, a potenciación do sector loxístico e desenvolvemento do porto exterior de Ferrol, o apoio ao desenvolvemento de sectores como a acuicultura, a biomasa ou os biocombustibles, a consolidación do sector naval e da industria auxiliar, as dotacións das infraestruturas e do solo industrial, o fomento do I+D+i ou o impulso á creación de emprego.
 
Última actualización ( 09/10/2007 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design