O Consello Galego de Internacionalización será unha grande alianza para promover a marca Galicia PDF
Durante a inauguración do IV Encontro de Empresarios Galegos no Exterior organizado pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape, o titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijoo, afirmou que a internacionalización “xa non é unha alternativa, senón a posibilidade principal para que Galicia saia antes da crise económica española que o resto das comunidades”. O presidente anunciou a creación do Consello Galego de Internacionalización como “unha gran alianza” estratéxica que permitirá promover a marca Galicia con unidade e sen duplicidades.
 
Santiago, 26 de outubro de 2010.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou esta mañá, no IV Encontro de Empresarios Galegos no Exterior, que o Goberno autonómico vai a seguir traballando para “paliar os nosos déficits de internacionalización e para buscar oportunidades”. Neste sentido, subliñou que, desde a óptica da unidade, crearase o Consello Galego de Internacionalización, no que estarán representados, amais da Xunta, a Confederación de empresarios de Galicia, as Cámaras de Comercio e as asociacions de empresarios galegos no exterior; e que cualificou como “unha gran alianza” estratéxica que permitirá promover a marca Galicia con unidade e sen duplicidades. “Unha alianza –dixo- encamiñada a lograr unha elevada taxa de retorno, a racionalizar, a priorizar, a sacar o maior aproveitamento posible aos recursos dispoñibles e, en definitiva, a promover unha cultura empresarial e social cada vez máis global”.
 
ImageO responsable autonómico afirmou que a internacionalización “xa non é unha alternativa, senón a posibilidade principal para que Galicia saia antes da crise económica española que o resto das comunidades”. “A internacionalización da economía galega –aseverou- non é unha posibilidade máis senón, probablemente, a posibilidade principal. Estamos inmersos nunha economía mundial cada vez máis globalizada, aberta e con maior grao de interdependencia. E o Goberno galego está a apostar por unha política que potencie a presenza no mundo do tecido empresarial galego”, dixo.
 
Unir esforzos e evitar duplicidades
Ao longo da súa intervención, Feijóo asegurou que as liñas de apoio da Xunta á internacionalización están resultando frutíferas -como se desprende do informe sobre a internacionalización das empresas galegas, coñecido fai unhas semanas-, e avogou pola necesidade de que estas axudas, iniciativas e liñas de apoio non so se manteñan senón que se intensifiquen.
 
Así mesmo, destacou que o Goberno galego está a traballar coordinadamente cos clústers galegos para afianzar tamén a súa estratexia de internacionalización; e, “hai que traballar coas asociación de empresarios galegos no exterior, porque pensamos que poden ser os principais enlaces das empresas galegas cos outros mercados. É por iso –matizou- polo que desbloqueamos, a pasada semana, unha inxección económica de 2 millóns de euros que nos permitirá abrir unha nova vía de colaboración cos galegos empresarios no exterior”.
 
“Hoxe traballamos coordinadamente cos emprendedores galegos e, así, -engadiu- destinamos, hai uns días, 18 millóns de euros ata o ano 2013 para ampliar a proxección exterior das empresas galegas tanto en orixe -coa creación do Servizo de licitacións que oriente en Galicia ás empresas galegas en concursos de organismos e empresas internacionais-; como en destino, coa creación dunha rede de 14 plataformas empresariais no exterior, promovidas, coordinadas e mantidas pola administración autonómica en colaboración coa Confederación de Empresarios de Galicia, coas cámaras e coa Asociación de empresarios galegos no exterior”.
Esta rede permitirá amais: aforrar recursos, porque “faremos unha nova oficina baseada en resultados, en negocios conseguidos, en volumes de negocios contratados, en definitiva, en actividade”; e fusionar esforzos para lograr un considerable aumento obxectivo da cifra de negocios e, en consecuencia, das exportacións.
O presidente da Xunta subliñou que a actividade xerada desde a rede posibilitará ata o ano 2013 un incremento do volume de exportación superior a 3.400 millóns de euros.
 
Potencial exportador de Galicia
Mellorar a posición das nosas empresas e produtos nos mercados globais non é soamente unha forma de lograr a recuperación ante a crise senón, tamén, o principal activo para gañar posicións estratéxicas nos mercados internacionais.
 
Nestes intres, xa son máis de 2.000 as PEMEs galegas que exportan os seus produtos. “As nosas exportacións atópanse en máximos históricos, e proporcionan na actualidade en torno ao dobre de ingresos na balanza comercial que ao comezo desta década, o que contrasta co déficit estrutural da balanza comercial española”.
 
“No primeiro semestre de 2010, por exemplo, as exportacións galegas amosaron un comportamento favorable, medrando un 18%, por riba do incremento do conxunto de España, e situándose como a terceira comunidade con mellor comportamento. Estes datos, -explicou- nun tempo certamente adverso, confirman unha evolución positiva do noso sector exterior. Cómpre destacar ademais un dato cualitativo moi relevante: hoxe en día boa parte das empresas galegas nacen exportando. As novas empresas que están a xurdir pensan globalmente desde o inicio mesmo da súa actividade, a diferenza do que acontecía hai só algúns anos, onde practicamente case ningunha empresa nacía desde o principio coa vontade de exportar”.
Última actualización ( 26/10/2010 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design