| O Día Emprendedor de Galicia reunirá en Santiago a máis de 2.000 persoas con vocación empresarial |
|
|
A iniciativa está promovida pola Consellería de Economía e Industria, en colaboración co Mityc, e organizada polo Igape e BIC Galicia, contando co apoio doutras entidades que traballan no ámbito do emprendemento. Entre os relatores haberá máis de 60 empresarios de éxito e especialistas en emprendemento dispostos a compartir coñecemento e apoiar o desenvolvemento de novas ideas xurdidas en Galicia. Na sesión plenaria participará Antonio González Barros, fundador e presidente do grupo de empresas Intercom.
Santiago 23 de outubro de 2011.- Máis de 2.000 persoas participarán o próximo martes, día 25, no Día Emprendedor de Galicia en Santiago de Compostela, a gran cita anual do emprendedurismo galego que promove a Consellería de Economía e Industria -en colaboración co Mityc- e onde os asistentes poderán coñecer as claves para detectar as actuais oportunidades de negocio e conseguir financiamento, así como as formas de afondar nas vantaxes empresariais das novas tecnoloxías e as posibilidades da internacionalización.
O programa deste ano inclúe itinerarios con relatorios e mesas redondas nas que se abordarán todos os chanzos do emprendemento, dende que unha persoa percibe que pode ter talento para emprender ata o desenvolvemento e consolidación da súa idea, pasando pola elaboración titorizada dun plan de empresa; dende o momento de dar os primeiros pasos ata chegar á internacionalización.
O encontro, que está organizado polo Igape e BIC Galicia en colaboración con outras entidades que traballan para favorecer a creación de novas empresas, contempla tamén un espazo de asesoramento individualizado e gratuíto no que expertos de diversas entidades de xestión empresarial resolverán as dúbidas de emprendedores e empresarios.
A sesión plenaria contará este ano coa presenza de Antonio González, socio fundador e principal accionista do grupo Intercom, unha incubadora de negocios en internet que, dende o ano 1995, impulsou 50 empresas como Softonic.com, Emagister.com e Infojobs.net, o que lle proporciona unha visión ampla e profunda do sector online. David Amor, humorista e actor, presentará a sesión plenaria cunha reflexión diferente sobre as empresas, a crise e os emprendedores.
Dentro da liña temática Emprendendo desenvolveranse diferentes mesas redondas que achegarán experiencias e consellos de prestixiosos expertos do ámbito da creación de empresas. Así, por exemplo, na mesa Emprender en feminino, na que participarán Irene Bonet, da Federación de Empresarias de Galicia, e Eva López, de Woman Emprende, explicaranse as diferentes liñas de apoio que existen para aquelas mulleres que desexan por en marcha o seu propio negocio. Sobre axudas ao emprendemento tamén faltarán Maite Cancelo, Directora de Bic Galicia, Guillermo Nieto e Daniel Ramos, de AJE Galicia e David Baltar, fundador de Argonáutica.
En paralelo, na liña temática Oportunidades de Negocio, abordaranse diferentes vías para lanzarse a aventura empresarial como a Universidade ou os Viveiros de Empresa. As posibilidades do mercado exterior serán tamén analizadas na mesa redonda A internacionalización como vía de Emprendemento, na que intervirá, entre outros relatores, Patricia Forján, de Cadelin.com, unha empresa especializada en roupa e accesorios para mascotas cunha destacada proxección internacional.
O financiamento e os criterios de valoración do risco das iniciativas financeiras serán abordados nun itinerario específico no que expertos na materia explicarán as diferentes opcións que existen no mercado para a capitalización dunha empresa. Dende as sociedades de xestión financeira ata os business angels ou a banca ética. O mercado ofrece diferentes produtos e alternativas que deben ser tidas en conta e analizadas por aqueles que necesiten captar financiamento para o seu negocio.
Negocios tecnolóxicos
Moitos emprendedores galegos ven nos negocios de base tecnolóxica unha vía na que abrirse camiño no mundo empresarial. Por este motivo, O Día Emprendedor Galicia achega a expertos nesta área como Fernando Gómez, creador do Grupo Más Impacto, Carlos Blanco, Fundador do Grupo Itnet, ou Javier Varela, consultor de marqueting e socio de Toctoc Media, que achegarán as súas experiencias como emprendedores e como expertos no mundo da tecnoloxía e internet.
Ademais, haberá itinerarios específicos destinados aos Axentes de Desenvolvemento Local (ADLs) e para os profesionais da educación que traballan para o fomento da actividade emprendedora entre os máis novos.
O Día Emprendedor, que xa se desenvolveu este ano en Lugo e en Ourense os días 18 e 20-, quere contribuír ao desenvolvemento no país dunha cultura emprendedora para que ideas e proxectos baseados en avances científicos, tecnolóxicos e de innovación, poidan converterse en realidades empresariais.
A xornada poderá ser seguida a través das redes sociais. As novidades do encontro estanse a comunicar no seu espazo en Facebook en Linkedin e en Twitter. Ademais, a xornada será retransmitida a través de Twitter (@emprendedor_gal) para todos aqueles emprendedores que non podan achegarse a Santiago de Compostela. |
|
| Última actualización ( 25/10/2011 ) |


