| O director de Blusens, José Ramón García, participará na sesión plenaria do II Día do Emprendedor |
|
|
José Ramón García, director de Blusens: En Galicia non observo unha predisposición cara ao emprendemento na xente máis nova, a pesar da satisfacción que produce. Participará o xoves no II Día Galego do Emprendedor, nunha mesa redonda moderada polo xornalista Manuel Campo Vidal e na que tamén intervirá a directora de Zenit TV
Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2007.- O Segundo Día Galego do Emprendedor (http://www.diaemprendedor.com) celébrase este xoves 22 de marzo no Pazo de Congresos de Santiago. No evento, impulsado polo Igape e Bic Galicia, terá lugar unha mesa redonda con varios empresarios galegos de éxito que relatarán a súa experiencia, moderados polo xornalista Manuel Campo Vidal. Entre os participantes destaca a presenza do mozo empresario galego José Ramón García, director de Blusens. Na mesa redonda participará tamén Zaza Ceballos, directora xeral de Zenit TV, una produtora creada polas compañías Filmax e Gestmusic. Entre as súas producións atópanse series como Rías Baixas, Maridos e Mulleres ou Valderrei; emitidas na Televisión de Galicia. A empresaria asume tamén a dirección de fición da produtora de televisión Endemol España, propietaria de Gestmusic e Zeppelin.
Por último, contarase coa presenza de Beatriz Legerén, presidenta da empresa galega Interacción, dedicada á creación e desenvolvemento de proxectos multimedia baseados nas novas tecnoloxías. A empresa ofrece ademais solucións de entretemento interactivo para redes de banda ancha, tanto fixas como móbiles e aplicación de televisión interactiva.
As claves do éxito de Blusens
José Ramón García fundou Blusens, empresa especializada en electrónica de consumo de última xeración, en 2002 en Santiago de Compostela. A compañía dispón de varios centros propios de I+D+i e, froito da súa expansión internacional, con apenas cinco anos de historia, xa ten filiais en Dubai (Emiratos Árabes), China, Kuala Lumpur (Malaísia) e México.
García, que acaba de recibir do Príncipe de Asturias o Premio Nacional Joven Empresario 2007, considera que o éxito radica en buscar un posicionamento diferente, unha correcta planificación estratéxica e de negocio, unha forte aposta pola innovación e a I+D, unha relación calidade-prezo axeitada, marketing agresivo e innovador, gran flexibilidade no negocio, forte compromiso post venda e externacionalización de procesos non críticos. Tamén destaca a importancia que ten neste sector a creatividade tecnolóxica, pois o segredo non só radica no desenvolvemento tecnolóxico, senón na súa aplicación en produtos que realmente satisfagan novas utilidades e necesidades no usuario ou consumidor actual.
Animo aos xoves a que creen un negocio propio porque a felicidade que xera é indescritible
O director de Blusens opina que en Galicia o emprendemento se atopa nunha fase crecente pero aínda nun estado débil. Creo que existen problemáticas estruturais que dificultan a expansión emprendedora. A principal delas é a cultura emprendedora. Non observo unha predisposición cara ao emprendemento na xente máis nova; quizais o noso sistema educativo non nos ten mostrado suficientemente as posibilidades que se poden atopar no mundo empresarial propio e non tanto no alleo -declara o mozo empresario-.
García manifesta que aínda son poucos os estudantes universitarios que consideran como prioritaria esta saída laboral. É tarefa de todos, colexios, universidades, familiares, administración, empresarios e medios de comunicación cambiar esta tendencia. Este cambio debe facerse atacando as raíces culturais para que verdadeiramente se xere un cambio de mentalidade. Pola miña parte, animo aos mozos a que creen un negocio propio porque a felicidade e a satisfacción que xera o seu desenvolvemento é algo indescritible.
A maioría dos proxectos que se poñen en marcha fracasan porque non posúen os elementos clave necesarios para ter éxito
O responsable de Blusens considera que hoxe en día non se pode dicir que a falta de oportunidades dificulte a posta en marcha de negocios propios. Por suposto, existirán dificultades como en calquera tarefa pero ningunha delas é infranqueable. Sinala que é certo que existe unha importante mortandade de proxectos durante os primeiros anos de lanzamento, pero tamén o é que a maioría deles non posúan os elementos clave considerados necesarios para lograr o éxito. En relación con isto, destaca que a identificación dunha verdadeira oportunidade de negocio, o coñecemento do sector, unha correcta planificación e definición do negocio e a entrega ao teu proxecto é un cóctel cuasi gañador. O medo ao fracaso non é un bo compañeiro de viaxe, nin nas orixes do proxecto nin na súa consolidación, pois bloquea a toma de decisións que calquera empresario debe afrontar diariamente.
Na miña opinión, unha vez vividos os dous mundos -traballo por conta allea e creación dun negocio propio-, teño que dicir que non hai mellor recoñecemento que aquél que chega dun mercado que sempre xulga o traballo ben feito. Os teus erros son os teus erros, os teus acertos son os teus acertos, as túas decisións son propias, elixes os profesionais cos que te rodeas para traballar, loitas con maior intensidade ao sentilo sempre como propio, o orgullo e a satisfacción son intensos cando se logra éxito nun negocio. A palmadiña na espalda sempre chega cando hai un traballo ben feito -manifesta García-. |
|
| Última actualización ( 23/03/2007 ) |


