O director do Igape promove a tarefa de emprender como un estilo de vida e destaca os apoios PDF
O director xeral do Igape lembrou que a Xunta incrementou este ano os apoios a iniciativas emprendedoras e destacou a creación do fondo Xes Innova, un novo instrumento para financiar proxectos especialmente innovadores. Joaquín Varela de Limia amosouse convencido de que as iniciativas impulsadas por novos emprendedores, polo xeral con compoñentes innovadores, son indispensables para avanzar no camiño cara a recuperación económica.
 
Vigo, 21 de outubro de 2010.- Segundo manifestou Joaquín Varela, na Consellería de Economía e Industria no seu conxunto, e en especial no  Igape, “estamos absolutamente convencidos de que as iniciativas empresariais impulsadas polos  emprendedores -que habitualmente teñen compoñentes especialmente  innovadores-, son indispensables para contribuír a reactivar a economía de Galicia; constitúen elementos de especial importancia na  estratexia marcada pola Xunta cara á recuperación”, afirmou.
 
Durante a  súa intervención na apertura do III Congreso Internacional de AJE Vigo, o director xeral do Instituto celebrou que o encontro teña por lema “emprendemos cada día”, e amosouse convencido de que a tarefa de emprender, como a de innovar, debe constituír un labor continuado: “debe conformar un estilo de vida e abarcar todos os ámbitos de actuación social, desde a educación á creación de empresas, desde a administración á sociedade no seu conxunto”, dixo.
                  
O responsable do Igape recoñeceu as dificultades ás que deben enfrontarse os impulsores de iniciativas empresariais para acceder ao financiamento que precisan para, a continuación, referirse ás medidas adoptadas pola Consellería de Economía e Industria para procurar que os novos emprendedores con proxectos viables non teñan que pospoñer o desenvolvemento dos mesmos. A modo de exemplo, firmou que “habilitamos un 25% máis de recursos no ámbito do programa re-Emprende” que, segundo lembrou, apoia mediante subvencións a fondo perdido os investimentos promovidos por novos emprendedores que, ademais, poden acceder a anticipos sen aval para pre financiar os seus proxectos.
 
Joaquín Varela explicou que o Igape, directamente ou a través das súas sociedades, achega un competo abano de servizos, ferramentas e apoios financeiros para procurar que ningún proxecto emprendedor viable quede sen poñerse en marcha. Servizos de formación e asesoramento como os facilitados por BIC Galicia, “que beneficiaron a 4.000 persoas no primeiro semestre de 2010 e poderían chegar a máis de 8.000 ao remate do exercicio”,  dixo. Ferramentas como os servizos avanzados do Igape para facer posible a creación de novas empresas, baixo a forma xurídica da Sociedade Limitada Nova Empresa (SLNE), en menos de corenta e oito horas, asegurou.
 
No ámbito dos apoios financeiros, o director xeral do Igape destacou o programa re-Emprende, “que recibiu en 2010 un total de 69 proxectos que suman investimentos proxectados que roldan os 11 millóns de euros”, e as liñas Peme Xove e Microempresa do programa re-Imaxina, que achega préstamos subsidiados e avalados  de ata 120.000 euros para apoiar o financiamento dos proxectos empresarias impulsados por novos emprendedores.
 
Varela de Limia destacou especialmente o novo fondo de capital risco Xes-Innova, que acaba poñerse en marcha a través de Xesgalicia co obxectivo de apoiar, mediante préstamos participativos ou participacións en capital, proxectos emprendedores especialmente innovadores durante as primeiras fases de desenvolvemento. Este fondo, cunha dotación inicial de 1,68 millóns de euros, concederá préstamos habitualmente comprendidos entre 60.000 e 200.000 euros, a 7 anos incluíndo dous de carencia.
 
O director do Igape destacou tamén a importancia de eventos como o III Congreso Internacional de AJE Vigo como ferramentas para a transferencia de coñecemento e creación de sinerxías positivas no ámbito do emprendemento. “Por iso apoiamos este encontro –dixo- e celebramos que conceda especial atención ás iniciativas relacionadas coa internacionalización, que constitúe un dos eixos estratéxicos de actuación da Consellería de Economía e, especialmente do Igape”.
Última actualización ( 21/10/2010 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design