O director do Igape salienta a importancia de facilitar a transmisión do coñecemento ás empresas PDF
O director xeral do Instituto Galego de promoción Económica, Joaquín Varela de Limia destacou hoxe a importancia de promover o talento e  facilitar a transmisión do coñecemento cara as empresas. Na presentación en Santiago do Fórum Cicerón, que busca seleccionar os mellores talentos universitarios e poñelos en contacto coas empresas, Varela aproveitou para lembrar o amplo abano de servizos, ferramentas e apoios de que dispoñen o Igape e BIC Galicia para impulsar a posta en marcha de novas iniciativas emprendedoras.
 
Santiago, 31 de xaneiro de 2011.-A Consellería de Economía e Industria considera fundamental promover o talento e facilitar a transferencia do coñecemento dos novos titulados universitarios cara ás empresas galegas. Así o manifestou o director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Joaquín Varela de Limia, durante a súa intervención na presentación do Fórum Cicerón 2011, promovido polas universidades galegas e patrocinado pola Xunta de Galicia.
 
Segundo Joaquín Varela, a Consellería de Economía e Industria apoia a celebración deste foro porque incide en tres aspectos que a Xunta de Galicia no seu conxunto considera de interese primordial: “na formación de novos profesionais universitarios orientada á súa inserción nas empresas; na identificación de talento mediante o contacto directo entre os representantes da universidade, as empresas e os universitarios; e na retención do talento para que poida contribuír ao crecemento e á mellora da competitividade das empresas galegas”.
 
Varela de Limia lembrou que a mellora da competitividade empresarial constitúe, xunto coa internacionalización, un dos obxectivos estratéxicos prioritarios para o Igape, polo que valorou especialmente a iniciativa do Fórum Cicerón porque, segundo destacou, “constitúe unha aposta clara pola mellora do capital humano e a súa orientación cara as empresas galegas. Na medida en que haxa máis talento no tecido empresarial, haberá directivos máis cualificados e empresas máis competitivas”, dixo.
 
O director xeral do Igape tamén lembrou que a Consellería de Economía e Industria achega, a través d sociedade BIC Galicia e do Igape, un importante abano de instrumentos de formación, asesoramento, titoría e apoios financeiros para acompañar en todo momento aos mozos que optan por crear ou consolidar as súas propias empresas.
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design