| O DOG publica os apoios de especial intensidade para impulsar novos investimentos en Lugo e Ourense |
|
|
Son subvencionables a fondo perdido investimentos a partir de 200.000 euros, fronte aos 500.000 previstos a nivel xeral de Galicia. Os apoios poderán cubrir ata o 50% dos investimentos impulsados por pequenas empresas. O criterio de localización en Lugo ou en Ourense será avaliado coa máxima puntuación no momento de avaliar e seleccionar os proxectos apoiables.
Santiago, 25 de novembro de 2009.- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a modificación das bases reguladoras dos incentivos económicos do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) que inclúe apoios de especial intensidade para os investimentos que se realicen nas provincias de Lugo e Ourense. Estas medidas, xa en vigor, fan posible que os investimentos promovidos polas pequenas empresas poidan recibir subvencións de ata o 50% nestas provincias. As empresas medianas tamén podrán cubrir con apoios públicos ata o 40% dos investimentos, mentres que o teito fixado con carácter xeral para Galicia é do 30%.
Segundo a modificación normativa publicada hoxe no DOG, as Bases reguladoras dos incentivos económicos do Instituto poderán acoller e apoiar investimentos a partir de 200.000 euros se a localización escollida é nas provincias de Lugo e Ourense, cando a nivel xeral de Galicia o mínimo investimento subvencionable ascende a 500.000 euros. Por outra banda, no caso dos proxectos de primeira implantación en Galicia, en Lugo e en Ourense terán garantida unha subvención a fondo perdido mínima do 20%; e para creación de novos establecementos que non sexan de nova implantación pero si de ampliación, modernización ou innovación tecnolóxica, os proxectos a realizar en Lugo e en Ourense tamén terán un apoio mínimo do 15% dos custos subvencionables. Por outra banda, nos criterios de avaliación e selección de proxectos, o criterio localización avaliarase co valor máximo para os proxectos a desenvolver nestas dúas provincias.
O que se busca cos programas Impulsa Lugo e Impulsa Ourense é favorecer os investimentos produtivos para procurar un desenvolvemento harmónico, acelerando o desenvolvemento destas provincias e a súa progresiva equiparación coas provincias atlánticas. O obxectivo final é o de acadar o reequilibrio territorial na comunidade autónoma e unha Galicia que se desenvolva cunha velocidade única.
Ata o 50% de subvencións
Ademais de incrementar do 30 ao 50% a porcentaxe máxima de apoio que poden recibir os investimentos realizados por pequenas empresas, as empresas medianas tamén verán incrementado o apoio e poderán cubrir con axudas públicas ata o 40% dos investimentos que realicen en Lugo ou en Ourense.
O Plan Impulsa Lugo e o Plan Impulsa Ourense tamén incorporan especial intensidade nos apoios da liña financeira regulada mediante o convenio do Igape co ICO, coas entidades financeiras e as sociedades de garantía recíproca; os apoios neste marco contan cunha subsidiación de 0,65 puntos con carácter xeral, subvención á que se engadirán 2 puntos porcentuais máis cando se trate de proxectos impulsados na provincia de Lugo ou na provincia de Ourense, ata o 2,65 por cento.
O consello de dirección do Igape xa aprobou tamén as correspondentes bases que permitirán bonificar os xuros e comisións dos préstamos directos, con fondos BEI, destinados a financiar novos investimentos nestas dúas provincias galegas; a solicitude destas axudas financeiras, aberta ata o 31 de decembro de 2010, poderá facerse ao mesmo tempo que se solicita o correspondente préstamo para impulsar un investimento. No marco destas bases poderán ser obxecto de subvención os xuros e a comisión de apertura dos préstamos con fondos BEI para financiar investimentos. A subvención de custos financeiros será pagada dunha soa vez, unha vez xustificada a aplicación do préstamo ás finalidades previstas, e irá destinada a minorar o principal do préstamo. |
|
| Última actualización ( 25/11/2009 ) |


