| O Igape achega a innovación e o deseño ás empresas galegas coa presentación do itinerario "adñ" |
|
|
Cofinanciado polo FEDER e desenvolvido en colaboración co Igape, o programa impulsado pola DDI prevé un investimento de máis de 22.000 euros por empresa participante nesta primeira edición. O itinerario adñ é unha iniciativa tutelada e individualizada que, ao longo dun ano, afondará nos procesos internos de deseño e innovación de cada empresa participante. Forma parte dun programa pioneiro para o diagnóstico, a planificación estratéxica, a execución práctica e a implantación da xestión efectiva do deseño e a innovación nas pemes. O encontro incorporará exemplos prácticos de empresas como Urovesa e Gabadi, avanzadas en canto á incorporación do deseño e a innovación nos seus procesos.
Santiago, 16 de novembro do 2009.- A consellería de Economía e Industria impulsa, a través do Igape, a incorporación da innovación e o deseño ás Pemes galegas, no marco do programa adñ promovido pola sociedade especializada DDI e que será presentado mañá, día 17, en Santiago de Compostela, nunha xornada organizada en colaboración con APD. A partir dese día, as pemes interesadas terán un prazo de vinte días para solicitar a súa participación no denominado itinerario adñ, que consiste nun conxunto de actuacións tuteladas por consultores especializados e destinadas a facilitar a implantación dunha xestión efectiva do deseño e a innovación na esencia das sociedades participantes. Cofinanciado polo FEDER e desenvolvido en colaboración co Igape, o programa achega un investimento de máis de 22.000 euros por empresa participante.
A xornada de presentación, que se desenvolverá no Hotel Porta do Camiño, comezará con intervencións da conselleira delegada da Sociedade Estatal para o Desenvolvemento do Diseño e a Innovación (DDI), Elisa Sáins Ruiz, e da directora da área de Financiamento do Igape, Cristina Quintela. A seguir haberá relatorios de Norberto Penedo, subdirector de xestión de proxectos do Igape, que apostará por unha visión sistemática do deseño e a innovación; e de Xavier Ayneto, director de innovación do Grupo IDOM, que exporá unha folla de ruta para o desenvolvemento do deseño e a innovación nas empresas galegas.
O encontro contará tamén coa presentación de dous casos prácticos de empresas galegas avanzadas en canto á incorporación do deseño e a innovación nos seus procesos. Participarán directivos de Urovesa e Gabadi. A seguir, o director de avaliación e análise da DDI, Ángel Palazuelos, realizará unha presentación do itinerario adñ para o deseño e a innovación e exoplicará as condicións básicas para a participación na iniciativa. O encontro será pechado polo director xeral do Igape, Joaquín Varela de Limia.
O programa adñ e o itinerario coa mesma denominación forman parte dun amplo conxunto de actuacións que agrupan diversas iniciativas de promoción de boas prácticas empresariais, difusión do coñecemento e actuacións directas con empresas no ámbito do deseño e a innovación como medios para a creación de valor, para a mellora da competitividade e para facilitar un crecemento económico sostido das pyme.
Nesta primeira edición do itinerario adñ, e a partir dun diagnóstico da situación de partida, cada empresa participante abordará a creación dun plan estratéxico de deseño e innovación, a realización dun proxecto de deseño e desenvolvemento de produto e servizo e, por último, a definición e documentación dun sistema a medida para a xestión do deseño e a innovación.
O programa adñ, así como o itinerario coa mesma denominación, e outras futuras actuacións nesta mesma liña, encádranse no Programa Operativo Plurirrexional de I+D+i por e para beneficio das empresas (período 2007-2013), cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Este programa de ámbito estatal prevé destinar preto de 2 millóns de euros a Galicia. Para o seu desenvolvemento en Galicia, a Sociedade Estatal para o Desenvolvemento do Diseño e a Innovación, dependente do Ministerio de Ciencia e Innovación, subscribiu un convenio de colaboración co Igape, organismo dependente da Consellería de Economía e Industria da Xunta. |
|
| Última actualización ( 18/11/2009 ) |


