| O Igape apoia ao sector da automoción galego co financiamento do 50% do plan estratéxico |
|
O conselleiro de Economía e presidente do Igape asinou en Vigo o segundo convenio polo que se destina 1,16 millóns de euros en 2008 ao desenvolvemento do sector. O Plan Estratéxico do Sector de Automoción 2007-2011 busca colocar a automoción de Galicia nunha situación de liderado Europeo en competitividade. Ademais, o conselleiro lembrou a importancia da cooperación público privada para impulsar o incremento da competitividade, da produtividade e a internacionalización das nosas empresas.Vigo, 12 de maio de 2008.- O conselleiro de Economía e Facenda e presidente do Igape, José Ramón Fernández Antonio, asinou hoxe co presidente do Cluster de Empresas de Automoción de Galicia (CEAGA), Antonio Vega, o acordo polo que o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) ratifica o seu apoio ao desenvolvemento do Plan Estratégico do Sector da Automoción en Galicia (PESA) 2007-2001. O convenio é o segundo destas características asinado por ambas entidades co obxectivo de apoiar financeiramente os programas de mellora da competitividade, cooperación e internacionalización recollidos no PESA e que están a ofrecer bos resultados para o sector galego de automoción.
Fernández Antonio lembrou que o convenio entre o Igape, organismo dependente da Consellería de Economía e Facenda, e Fundación CEAGA constitúe un exemplo de coordinación público-privada que permitirá situar ao sector da automoción de Galicia nunha posición vantaxosa para acadar o obxectivo de liderar o sector europeo en competitividade, contribuíndo así ao progreso e á calidade de vida de Galicia. O conselleiro explicou que o apoio do Igape ascenderá este ano a 1,16 millóns de euros, que cubrirá o 50% dos orzamentos previstos. Con esta achega se eleva a case 3 millóns de euros o apoio do Igape ao desenvolvemento do PESA.
No marco deste novo acordo a Fundación CEAGA desenvolverá coordinadamente co Igape sete proxectos orientados a incrementar a coordinación estratéxica do sector; desenvolver un plan integral de formación e boas prácticas de xestión; impulsar a mellora da produtividade global do sector; coordinar novas estruturas loxísticas e doutros servizos; procurar a excelencia operativa mediante a coordinación da cadea de subministración; e mellorar aspectos referidos a coordinación comercial, de mercadotecnia, de imaxe e de comunicación do sector de automoción en Galicia.
Os obxectivos do PESA 2007-2011 son acadar, durante ese período, incrementos significativos en aspectos como a facturación global do sector da automoción (20%), produtividade (15% máis), e o incremento do VEB xerado (20%). O plan, elaborado polo sector de automoción de Galicia a través da Fundación CEAGA, tamén prevé a extensión trasversal das mellores prácticas. O PESA foi presentado ao Igape e foi consensuado entre as dúas partes para darlle un enfoque integrador e unha estrutura coherente cos obxectivos xerais, tanto deste sector de actividade como das estratexias públicas de promoción económica deseñadas pola Consellería de Economía e Facenda, segundo as orientacións da Axenda de Lisboa e no ámbito do Programa marco para a innovación e a competitividade (CIP).
A Fundación CEAGA foi creada co obxectivo de aglutinar nunha estrutura tipo clúster ás empresas máis representativas do sector da automoción de Galicia. Forman parte desta agrupación altamente innovadora as 76 empresas máis importantes do sector, incluída PSA-Citroën. A Fundación CEAGA aglutina así un conxunto empresarial líder en exportacións e en aportacións ao PIB galego.
Visita a PSA
O conselleiro de Economía e Facenda tamén realizou hoxe unha visita institucional á planta do grupo PSA en Vigo, onde tivo ocasión de realizar un percorrido pola mesa en compañía do director da planta, Pierre Ianni, e membros da dirección da factoría viguesa. |
|
| Última actualización ( 17/03/2009 ) |


O conselleiro de Economía e presidente do Igape asinou en Vigo o segundo convenio polo que se destina 1,16 millóns de euros en 2008 ao desenvolvemento do sector. O Plan Estratéxico do Sector de Automoción 2007-2011 busca colocar a automoción de Galicia nunha situación de liderado Europeo en competitividade. Ademais, o conselleiro lembrou a importancia da cooperación público privada para impulsar o incremento da competitividade, da produtividade e a internacionalización das nosas empresas.