O Igape apoia con fondos BEI novos investimentos empresariais cifrados en 42 millóns de euros PDF
Os  proxectos apoiados corresponden a sectores como os de fabricación de papel, industria química ou transformación de produtos pesqueiros. A liña fornecida con fondos achegados polo Banco Europeo de Investimentos apoia as novas iniciativas empresariais ou a ampliación e mellora de instalacións xa existentes en Galicia.
 
Santiago 3 de xuño de 2009.- O Igape apoiará novos investimentos por importe de máis de 42 millóns de euros, e promovidos por cinco grupos empresariais, mediante a concesión de préstamos directos por importe conxunto de 22,8 millóns de euros e  financiados con fondos achegados Banco Europeo de Investimentos (BEI), no marco do acordo asinado por esta entidade e o Instituto dependente da Consellería de Economía e Industria. As cinco operacións de investimento empresarial que decidiu apoiar o consello de dirección do Igape corresponden a proxectos investidores en sectores como a fabricación de papel, industria química, hostelería e transformación de produtos pesqueiros.
 
Un dos proxectos de investimento que apoiará o Igape é o de Extracel, Industria de Papel,  que consiste na creación dunha planta de produción de transformados de papel tisú no parque empresarial de A Reigosa, en Pontecaldelas, Pontevedra. Este proxecto, cun investimento promovido polo grupo portugués Suavecel e cifrado en 11,7 millóns de euros, contempla a creación de un mínimo de 35 novos postos de traballo.
 
Outro dos proxectos novos que contarán con apoio do Igape a través da liña fornecida con fondos BEI é o de ABCR Laboratorios, que investirá case 10 millóns de euros na posta en marcha, en Forcarei (Pontevedra), dunha industria química destinada á fabricación de produtos compostos de silicio, siliconas e outros materiais innovadores.
 
Liña do Igape con fondos  BEI
O programa de préstamos do Igape para financiar  proxectos de investimento con fondos facilitados polo BEI pode apoiar investimentos comprendidos entre os 240.000€ e os 25 millóns de euros; os préstamos, a un prazo máximo de ata 12 anos, teñen xuros referenciados ao Euríbor+0,5 puntos porcentuais. O programa está destinado a empresas de menos de 250 traballadores.
 
Con carácter xeral,  os proxectos deben contemplar novos investimentos e/ou intervencións de ampliación e mellora de instalacións existentes a realizar na Comunidade Autónoma de Galicia. Poden acollerse a práctica totalidade dos sectores de actividade, salvo excepcións reguladas polo BEI e referidas a actividades como fabricación de armas, xogos de azar, produción de tabaco ou actividades dificilmente respetuosas co medio ambiente, entre outras.
 
Última actualización ( 04/06/2009 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design