O Igape apoiará con 5,5 millóns de euros proxectos empresariais de investimento tecnolóxico PDF
As subvencións a fondo perdido, en réxime de concorrencia competitiva, poden cubrir ata o 25% dos importes apoiables. O próximo 31 de xullo remata o prazo para a presentación de iniciativas. O instituto dependente da Consellería de Economía e Facenda tamén subvenciona con 1,2 millóns de euros proxectos ambientais de eliminación, valoración ou reciclaxe de residuos.
 
Santiago, 16 de xullo de 2007.- O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) destina nas súas convocatorias de axudas deste ano un total de 5,5 millóns de euros a apoiar proxectos de investimento empresarial de carácter tecnolóxico con importes proxectados que superen os 600.000 euros. O prazo para a presentación de solicitudes, que se resolverán por concorrencia competitiva, rematará o próximo 31 de xullo.
 
O Igape apoiará, mediante esta liña, os investimentos en bens de equipo de carácter tecnolóxico que enfronten empresas de variados sectores de actividade, dende a industria e o transporte aos servizos avanzados; dende as empresas con actividades de electrónica, biotecnoloxía ou robótica, aos investimentos tecnolóxicos do sector audiovisual ou do telemático, entre outros; no sector turismo poderán ser apoiados investimentos en equipamento en xeral. Do mesmo xeito, son apoiables no marco desta liña de axudas os investimentos en adquisición de propiedade intelectual e industrial.
 
Tamén remata o 31 de xullo o prazo de presentación de solicitudes de apoio para proxectos ambientais de ampliación con investimentos a partir de 600.000 euros e ata tres millóns. Neste caso, o obxectivo do Igape é apoiar a implantación de proxectos de eliminación, valoración ou reciclaxe de residuos, redución ou eliminación da contaminación.
 
Os investimentos e gastos computables serán os destinados a bens de equipo, por unha banda, e a adquisición de propiedade intelectual e industrial, incluíndo licenzas de fabricación e patentes. Tamén serán subvencionables nesta liña os proxectos de investimento de carácter ambiental destinados a ampliación de instalacións produtivas por importe de ata tres millóns de euros. A axuda mínima será dun 15% da base subvencionable e poderá chegar a cubrir o 30%.
Última actualización ( 31/07/2007 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design