O Igape aposta por diversificar mercados e apunta a Sudáfrica como obxectivo para as pemes galegas PDF
Arredor dun cento de empresarios de Galicia e Norte de Portugal interesados no mercado sudafricano participaron nunha xornada técnica especializada, enmarcada no Proxecto europeo ECICII. O director xeral do Igape, Javier Aguilera, destaca a agrupación de empresas como unha clave de éxito cara á internacionalización. Aguilera Navarro anima ás pemes a formar grupos de exportación para acelerar a súa saída a novos mercados.
 
Santiago, 7 de xuño de 2012.- A colaboración e a diversificación de mercados obxectivo  son dúas das claves polas que aposta a Consellería de Economía e Industria para facilitar a aceleración do proceso de internacionalización das pemes galegas, segundo manifestou o director do Igape, Javier Aguilera Navarro, durante a súa intervención na apertura da xornada sobre oportunidades de negocio en Sudáfrica que se desenvolveu hoxe en Santiago de Compostela e na que participaron arredor dun cento de empresarios de Galicia e norte de Portugal.
 
Nesta xornada técnica especializada, organizada polo Igape e enmarcada no Proxecto europeo ECICII, Aguilera Navarro destacou a aposta clara do actual Goberno galego pola internacionalización das pemes, ao multiplicar por catro os fondos anuais destinados a ese obxectivo na etapa anterior, e amosou o seu convencemento de que “temos que apostar por mercados potentes e aínda pouco explorados polas empresas galegas”.
 
Neste sentido, animou á conformación de grupos de exportación que, dixo, “servirán para xerar sinerxías que permitirán acelerar os procesos de internacionalización das pemes galegas”. Javier Aguilera animou aos empresarios a dirixirse ao Igape para informar dos mercados do seu interese e da súa disposición a colaborar con outras empresas interesadas neses mercados, para que o Instituto poña en contacto ás empresas con intereses coincidentes para que colaboren.
 
A xornada, que tiña por obxectivo achegar ás empresas galegas as oportunidades de negocio ou comercio con Sudáfrica, contou con relatorios impartidos por expertos nese potente mercado, para facilitar aos asistentes un coñecemento preciso tanto sobre o potencial económico do mercado sudafricano como sobre as posibilidades de negocio ou alianza estratéxica con empresas dese país.
 
Sudáfrica e a Southern Development Community (SADC) como novo mercado estratéxico, e os principais aspectos empresariais do mercado sudafricano foron dous dos temas tratados nos relatorios. Ademais, o director xeral para África da Asociación Nacional de Fabricantes de Bienes de Equipo (Sercobe), Ignacio Orbe, falou sobre a experiencia de empresas españolas en Sudáfrica.
 
Na xornada técnica tamén se informou sobre os servizos e apoios habilitados polo Igape e polo Icex para facilitar a internacionalización das empresas, e houbo un coloquio entre  os relatores e os empresarios participantes.
 
Esta actividade sobre as oportunidades de negocio en Sudáfrica foi impulsada polo pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape, e enmárcase dentro do Proxecto europeo ECICII do  Programa de  Cooperación Transfronteriza España-Portugal, unha iniciativa cofinanciada pola Unión Europea con Fondos FEDER.
Last Updated ( Monday, 30 July 2012 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design