| O Igape concede 1,66 millóns de euros en préstamos para apoiar investimentos de case 10 millóns |
|
|
O Instituto dependente da Consellería de Economía e Industria concedeu un préstamo de 910.000 euros para apoiar o remate do investimento e o equipamento dun hotel de catro estrelas impulsado pola sociedade Tanemex en Lalín, que suporá a creación de 20 novos empregos. Tecdisma contará cun préstamo de 400.000 euros para a construción dunha nova planta produtiva en Mos. Luis Rodríguez Amado, S.A. poderá dispor dun préstamo de 350.000 euros para financiar os investimentos e o circulante asociado a un proxecto que contempla a renovación e modernización das instalacións da empresa.
Santiago 29 de xaneiro de 2010.- A través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), a Consellería de Economía e Industria acordou conceder préstamos directos por importe global de 1,66 millóns de euros para apoiar os investimentos promovidos por tres empresas dos sectores da hostalería, industria e distribución e reparación de automóbiles que suman 9,84 millóns de euros. Os préstamos aprobados polo consello de dirección do Igape, dotados con fondos BEI, corresponden ás empresas Tanemex (910.000 euros), Tecdisma (400.000) e Luis Rodríguez Amado, S.A. (350.000).
A sociedade Tanemex, S.L., integrada por 24 socios, na súa maioría emigrantes retornados ou con intencións de retornar a Galicia, impulsa a creación e posta en marcha dun hotel de catro estrelas en Lalín (Pontevedra), cun investimento global de 8,7 millóns de euros. O establecemento, orientado ao turismo gastronómico, cultural e familiar, conta con 33 habitacións dobles, 3 suites e 14 apartamentos. Prevé a creación de 20 postos de traballo. O préstamo concedido polo Igape, de 910.000 euros, está destinado a apoiar a finalización do investimento e o equipamento das instalacións.
O préstamo de 400.000 euros concedido a Tecdisma, S.L. ten como oxectivo apoiar o financiamento dunha nova planta produtiva da firma, que promove un investimento de 791.000 euros. Tecdisma, S.L. ten como actividade a proxección, fabricación e implantación de instalacións de manutención automática de maquinaria industrial e de máquinas manipuladoras especiais, orientadas a empresas industriais de producción continua. Actualmente, a empresa desenvolve a súa actividade nunha nave alugada en Tameiga-Mos, que lle resulta inadecuada para realizar as operacións productivas de maneira eficiente.
Grazas á intensa actividade desenvolvida pola súa área de I+D+I nos últimos anos, Tecdisma desenvolve na actualidade tres grandes liñas de produtos e servizos: mantemento industrial, equipos especiais e robótica e automatización; liñas que requiren unha constante investigación e desenvolvemento de solucións tecnolóxicas avanzadas e especializadas que favorezan a competitividade no sector industrial.
A empresa presta os seus servizos a empresas produtivas situadas principalmente no sur de Galicia e norte de Portugal, pertencentes a sectores estratéxicos no tecido industrial galego, tales como o de automoción, o alimentario ou o conserveiro, entre outros. Coa nova planta, equipada con novas maquinarias, disporá de capacidade productiva para ofrecer solucións de manutención automática e trazabilidade competitivas, permitindo reducir os custos de producción actuais e poderá ofrecer as mellores solucións de mantemento do mercado. Tamén permitirá xerar un maior valor engadido, mellorar os marxes e a competitividade da propia empresa, que emprega a 11 traballadores e prevé contratar a dous máis.
Por outra banda, o consello de dirección do Igape acordou conceder un préstamos directo de 350.000 euros á sociedade Luis Rodríguez Amado, S.A. para financiar investimentos e o circulante asociado a un proxecto que contempla a renovación e modernización das instalacións que esta empresa de distribución e reparación de automóbiles, cun cadro de persoal composto por 38 traballadores, ten na Coruña. |


