O Igape defendeu en Enernova a importancia dos investimentos en enerxías renovables PDF
ImageOs directores xerais do Igape e Xesgalicia, José Antonio Delgado Arce e Álvaro Álvarez Blázquez, respectivamente, e o vicepresidente executivo da Fundación para a Sociedade do Coñecemento, Javier Nieves, foron algúns dos relatores que participaron nas xornadas técnicas organizadas polo Instituto no marco de Enernova, nas que houbo ademais relatorios técnicos sobre novas tecnoloxías e presentacións de proxectos empresariais que apostan polo eido das enerxías renovables desde Galicia.
 
Vigo, 8 de xuño de 2007 .- O director xeral do Igape, José Antonio Delgado, defendeu a importancia das iniciativas empresariais baseadas na cooperación segundo o modelo “triple hélice”, incorporando a investigación e a innovación aos procesos produtivos para acadar melloras de competitividade. O director do Igape explicou tamén os eixos estratéxicos de actuación do instituto e resumiu os apoios e servizos concretos que ofrece a entidade para apoiar proxectos de emprendedores, de investimentos, de cooperación, de competitividade ou internacionalización.
 
Pola súa parte, o director xeral de Xesgalicia, Álvaro Álvarez Blázquez, desenvolveu un relatorio sobre o papel do capital risco en xeral, como alternativa para o financiamento de proxectos empresariais, antes de informar sobre os diferentes fondos especializados que xestiona XesGalicia. Tamén se referiu a algúns dos proxectos de enerxías renovables nos que participa XesGalicia, como T-Solar Global ou Infinita Renovables.
 
Asemade, o vicepresidente executivo da Fundación Galega para a Sociedade do Coñecemento, Javier Riera, salientou a importancia dos clusters e agrupacións empresariais e estimou importante que Galicia se posicione para ocupar un lugar adecuado tanto en producción como en consumo de enerxías renovables, que deberán medrar de xeito importante nos próximos anos. Tamén alertou sobre a necesidade de apostar pola eficiencia enerxética neste eido.
 
Exemplos emprendedores
 
Nas xornadas do Igape en Enernova, tamén participaron o emprendedor Javier Arosa, que impulsa o proxecto Biomasa Forestal; Juan Mogín, que se ocupou de presentar o proxecto Recover Recuperación, promovido polo grupo Toysal e que valorizará os residuos mediante unha innovadora tecnoloxía de gasificación por plasma; e José Gerardo López Roibas, que presentou o proxecto de Norvento Enerxía, orientado á produción de enerxía a través das ondas mariñas.
 
ImageAsimesmo, desenvolvéronse relatorios a cargo do técnico do Igape Miguel Fidalgo, que informou sobre os servizos e apoios do Instituto a emprendedores, e do subdirector de Información especializada do Instituto, Carlos Silva, que explicou os apoios deste organismo para proxectos de investimento e iniciativas orientadas a mellorar a competitividade das empresas.
 
As xornadas organizadas polo Igape incluiron tamén relatorios técnicos sobre eficiencia comparada de parques eólicos, os parques eólicos mariños no marco da xestión  integral do litoral, a xerencia de riscos nas enerxías renovables, sobre o uso enerxétivo da biomasa ou sobre a tecnoloxía do labirinto canalizado para o aproveitamento da enerxía solar.
 
Máis investimentos
 
No sector de biocombustibles, están en diferentes fases de execución polo menos cinco proxectos aos que o Igape concedeu apoio durante 2006. Os proxectos aprobados durante o pasado ano son os de Entabán Biocombustibles (Ferrol), Infinita Renovables (Salvaterra, Pontevedra), Tecnoambiente Galicia (Cerceda, A Coruña), Ariasa Bioenergía (Ordes, A Coruña) e Biocarburantes de Galicia (Begonte, Lugo).
 
Ademais dos apoios a proxectos de biocarburantes, o Igape acordou o ano pasado apoiar outros proxectos de investimentos en materia de enerxías renovables, como o promovido por Biomasa Forestal, en Santa Comba (A Coruña). En datas máis recentes, xa en 2007, o Igape aprobou apoiar un importante proxecto de investimento en enerxía solar como o de T-Solar Global promovido polo grupo Isolux para Ourense; ou o de Biodiésel Coruña, de novo no terreo dos biocombustibles, impulsado polo grupo Acciona; ou o de Recover Recuperación, en As Somozas.
Última actualización ( 15/06/2007 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design