O Igape destina 120.000€ a iniciativas de creatividade aplicada ao desenvolvemento de Ferrolterra PDF
Ao amparo do convenio asinado polo conselleiro de Economía e Facenda e presidente do Igape coas tres universidades galegas e a AIPF, e dentro do Plan Integral de Desenvolvemento de Ferrol, Eume e Ortegal, convócanse os premios para o fomento da creatividade aplicada. Os premios teñen como obxectivo favorecer a presentación de iniciativas que conduzan ao desenvolvemento de novos produtos ou servizos e á implantación de novos proxectos, para impulsar o aumento da competitividade das empresas e o seu capital humano nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.
 
Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2008.-O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) convocará en datas próximas a I Edición dos Premios para o fomento da creatividade aplicada, co obxecto de contribuír, nun esforzo coordinado e conxunto coas tres universidades galegas e a Asociación Impulsora do Plan Ferrol (AIPF), a elevar o nivel socioeconómico, cultural, formativo e tecnolóxico das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. A convocatoria dos premios desenvolve o Convenio de colaboración para o Fomento da Creatividade Aplicada, asinado polo conselleiro de Economía e Facenda e presidente do Igape, José Ramón Fernández Antonio, os tres rectores e o presidente da AIPF, no pasado mes de abril.
 
ImageSegundo as bases que publicará nos próximos días o DOG, o Igape achegará unha dotación de ata 120.000 euros para incentivar a formulación e presentación de iniciativas (ata o próximo 15 de setembro), pre-proxectos ou proxectos, co fin de estimular a colaboración da sociedade civil en xeral e da comunidade universitaria en particular cos obxectivos deste convenio. Poden presentarse a estes premios, que oscilarán entre mil e catro mil euros, tanto persoas físicas como xurídicas, departamentos universitarios ou centros tecnolóxicos. A comisión de seguimento do convenio e dos premios ás iniciativas de creatividade aplicada, integrada por representantes de cada unha das partes asinantes, conta coa colaboración –como coordinador- de Francisco de Bartolomé Guijosa, enxeñeiro naval cunha ampla experiencia en I+D+i, que coordinou ou dirixiu proxectos neste eido para Izar ou para a Fundación Innovamar.
 
As actuacións amparadas no citado convenio deberán incidir directamente dentro do ámbito territorial do Plan de Desenvolvemento Integral das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, sen que iso exclúa que poidan beneficiar a outros territorios e ao conxunto da sociedade en xeral. Estas actuacións desenvolveranse a través das denominadas “Iniciativas” ou propostas creativas que poidan conducir a un novo produto ou servizo, á mellora dos existentes, á imprantación de novos proxectos, e ao aumento da capacidade competitiva das empresas, do capital humano e do territorio, así como calquera outra que de forma inequívoca sexa acorde co obxecto e ámbito do Convenio.
 
Para a promoción de iniciativas de creatividade aplicada, identifícanse como actividades prioritarias as enerxías alternativas, loxística, industria naval, medio ambiente e natureza e turismo; calquera outras actividades exitosas xa existentes na actualidade e propias de sociedades avanzadas ligadas ao coñecemento, que non existan na zona e cuxa imprantación no medio prazo sexa realista; aquelas outras actividades sobre as que haxa consenso científico e técnico a nivel internacional que as catalogue como actividades de futuro e que sexa posible a súa localización na zona, a medio prazo.
 
Como fórmula para estimular a colaboración da sociedade civil en xeral e da comunidade universitaria en particular co Plan de Desenvolvemento Integral das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, o Igape convoca os presentes premios ás Iniciativas para o fomento da creatividade aplicada, de acordo cunhas bases que contemplan incentivos económicos para propostas en tres fases distintas: na I, as iniciativas avaliadas positivamente estarán dotadas con 1.000 euros; a contía prevista ascende a 2.000 euros para as iniciativas en fase de pre-proxecto con avaliación positiva; finalmente, as iniciativas que acaden a fase III, de proxecto, e sexan obxecto dun acordo específico, terán un premio de 4.000 euros.
 
Creatividade aplicada á innovación
O principal obxectivo do convenio e dos premios é a mellora da competitividade empresarial nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal a partir da creatividade aplicada á innovación dos procesos e produtos. Deste xeito, o Igape prevé favorecer a elaboración e presentación de propostas creativas ou iniciativas que poidan conducir ao desenvolvemento dun novo produto ou servicio, á mellora dos existentes, á implantación de novos proxectos, e ao aumento da capacidade competitiva das empresas, do capital humano e do territorio. Os autores das iniciativas poderán contar con asesoramento, asistencia técnica e incentivos económicos para convertelas en modelos de utilidade, patentes ou proxectos empresariais.
Última actualización ( 11/09/2008 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design