| O Igape destina 58,5 millones de € a financiar investimentos e iniciativas de mellora competitiva |
|
|
O Conselleiro de Economía e Industria e presidente do Igape, Javier Guerra, destacou que a Xunta mantén o seu compromiso de apoio aos novos investimentos e a mellora da competitividade, na procura de consolidar o crecemento do tecido produtivo e da economía de Galicia. O programa de préstamos directos do Igape para 2011 está destinado a financiar tanto novos proxectos empresariais como ao financiamento de actuacións de ampliación ou modernización de instalacións xa existentes. O programa Innoempresa está orientado a dar pulo á vontade de crecemento e capacidade de innovación das empresas, salientou Guerra.
Santiago, 30 de marzo de 2011.- A Consellería de Economía e Industria destina un total de 58,5 millóns de euros para o financiamento de novos investimentos empresariais e para apoiar iniciativas orientadas á mellora da competitividade empresarial a través do incremento da súa capacidade innovadora.
O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, presentou as convocatorias dos programas de préstamos directos do Igape e do Programa Innoempresa, publicadas hoxe no Diario Oficial de Galicia, deste xeito a Xunta mantén o seu compromiso de apoio aos novos investimentos e a mellora da competitividade do tecido empresarial na procura de consolidar o crecemento do tecido produtivo e da economía de Galicia.
A convocatoria do programa de préstamos directos do Igape para 2011 está destinada a financiar tanto novos proxectos empresariais como ao financiamento de actuacións de ampliación ou modernización de instalacións xa existentes.
Os préstamos, dotados con fondos do Banco Europeo de Investimentos, serán concedidos directamente polo Igape e están destinados a apoiar o financiamento daqueles proxectos con viabilidade técnica e comercial que poden presentar riscos de implantación superiores aos habituais, polo que adoitan atopar dificultades de financiamento nas entidades financeiras.
Os préstamos directos do Igape, para financiar investimentos comprendidos entre 240.000 e 25 millóns de euros, poderán ser concedidos a un prazo de ata 12 anos con ata 4 de período de carencia. O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria rematará o 29 de xuño de 2012.
Guerra destacou tamén o compromiso do Goberno galego co mantemento do programa Innoempresa, pese a que o Goberno central non achegou este ano novos fondos. Segundo salientou o titular de Economía e Industria, a Xunta traballa para dar pulo á vontade de crecemento e capacidade de innovación das empresas, e convoca novamente este programa, porque cómpre que as pemes galegas poidan seguir aplicando a innovación e mellorando os seus procesos e, en consecuencia, os seus produtos.
O programa Innoempresa desenvólvese a través de tres liñas básicas de actuación: Innovación organizativa e xestión avanzada; Innovación tecnolóxica e calidade; e Proxectos de innovación en colaboración. As tres liñas están baseadas na utilización de instrumentos e procedementos de xestión xa contrastados para impulsar a promoción da competitividade das pemes mediante a innovación.
|
|
| Last Updated ( Tuesday, 26 April 2011 ) |


