| O Igape e a DDI integran deseño e a innovación como estratexia de competitividade nas pemes galegas |
|
|
A iniciativa, amparada polo Feder Tecnolóxico comunitario, dispón dun orzamento de 1,7 millóns de euros para 2009 e 2010. O denominado Programa adñ incluirá itinerarios cara o deseño e a innovación que consistirán en intervencións directas para concienciar ás empresas participantes e ofrecerlles accións prácticas que poden incluir desde diagnósticos de situación ata o deseño dun produto innovado.
Santiago, 9 de xuño de 2009.- A difusión e a integración dos valores do deseño e a innovación como elementos de competitividade, así como a intervención nun conxunto de empresas galegas para materializar estratexias e deseño de novos produtos, son os obxectivos do Programa de Promoción do deseño entre as PEME denominado adñ. Este programa vaise impulsar en Galicia ao amparo dun convenio entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e a Sociedad Estatal para o Diseño e a Innovación (DDI).
Segundo o convenio que vén de aprobar o Consello de Dirección do Igape, A DDI fará unha achega (FEDER Tecnolóxico) que cubrirá o 85% do investimento previsto, correspondendo o 15% restante á achega que realizará o IGAPE, dependente da Consellería de Economía e Industria. O programa de impulso do deseño nos novos produtos desenvolverase en Galicia durante 2009 e 2010, cun orzamento global de 1,7 millóns de euros, dentro do Programa Operativo Plurirrexional de Investigación, Desenvolvemento e Innovación por e para o beneficio das empresas (2007-2013) na Comunidade Autónoma de Galicia.
As iniciativas amparadas por este marco de colaboración, destinado a procurar que os empresarios galegos poidan integrar o deseño e a innovación como estratexia competitiva, poden ser accións de promoción ou itinerarios cara o deseño e a innovación. As accións de promoción consistirán en xornadas, seminarios, eventos e ferramentas web dirixidos a difundir e promover o valor do deseño como estratexia de competitividade das pemes. A primeira das accións impulsadas neste ámbito entre a DDI e o Igape foi ó I Foro de Deseño para a Innovación en Galicia, que se desenvolveu o 9 de xuño, en Santiago. O evento estivo organizado pola Asociación para o Progreso da Dirección (APD), e contou coa participación do director xeral do Igape, Joaquín Varela de Limia, quien resaltou que a solicitude de axudas para iniciativas de deseño medrou este ano nun 129%, con respecto ao ano pasado.Os itinerarios cara o deseño e a innovación consistirán en intervencións directas para concienciar as empresas sobre a importancia de considerar a innovación e o deseño como actividades estratéxicas e ofrecerlles, ao tempo, a posibilidade da súa integración efectiva a través da aprendizaxe e de accións prácticas; constitúen accións de apoio integral á empresa que inclúen diagnóstico da súa situación, planificación estratéxica, deseño dun produto innovado e creación dun sistema para xestión da innovación e o deseño na empresa.
DDI
A Sociedad Estatal para el Diseño y la Innovación (DDI) é unha Sociedade Anónima de capital público, adscrita ó Ministerio de Ciencia e Innovación, a través da Secretaría General de Política Científica y Tecnológica. A DDI participa como organismo intermedio no Programa Operativo Plurirrexional de Investigación, Desenvolvemento e Innovación por e para o beneficio das empresas (2007-2013), cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), tamén denominado FEDER Tecnolóxico, cun programa que inclúe actuacións de promoción do deseño. Este programa ten como destinatarios preferentes ás pemes das rexions denominadas de converxencia, entre as que se atopa a Comunidade Autónoma de Galicia.
Pola súa parte, o Igape, dependente da Consellería de Innovación e Industria, vén traballando desde hai tempo na promoción e incentivación da actividade de deseño e innovación en Galicia mediante diferentes instrumentos económicos e servizos específicos, en particular, tamén mediante acordos de colaboración co Goberno do Estado a través da Dirección General de política de la Pequeña y Mediana Empresa, e mantendo unha relación directa coa Sociedade Estatal DDI. |
|
| Última actualización ( 10/06/2009 ) |


As iniciativas amparadas por este marco de colaboración, destinado a procurar que os empresarios galegos poidan integrar o deseño e a innovación como estratexia competitiva, poden ser accións de promoción ou itinerarios cara o deseño e a innovación. As accións de promoción consistirán en xornadas, seminarios, eventos e ferramentas web dirixidos a difundir e promover o valor do deseño como estratexia de competitividade das pemes. A primeira das accións impulsadas neste ámbito entre a DDI e o Igape foi ó I Foro de Deseño para a Innovación en Galicia, que se desenvolveu o 9 de xuño, en Santiago. O evento estivo organizado pola Asociación para o Progreso da Dirección (APD), e contou coa participación do director xeral do Igape, Joaquín Varela de Limia, quien resaltou que a solicitude de axudas para iniciativas de deseño medrou este ano nun 129%, con respecto ao ano pasado.