| O Igape facilita a difusión de apoios, técnicas e proxectos de enerxías renovables en Enernova |
|
|
Mañá, día 7 de xuño, haberá exposicións sobre proxectos como Recover Recuperación, Biomasa Forestal ou Norvento Enerxía. Participarán nas sesións do venres, día 8, os directores xerais do Igape e de Xesgalicia, así como o vicepresidente executivo da Fundación para a Sociedade do Coñecemento Santiago, 6 de xuño de 2007.- Informar sobre os apoios a disposición dos empresarios e emprendedores que aposten polo eido das enerxías renovables para as súas iniciativas empresariais é un dos obxectivos fundamentais das xornadas técnicas que organiza o Igape e que se desenvolverán na súa aula en Enernova, no recinto da IFEVI, en Vigo os próximos días 7 e 8 de xuño. O programa das xornadas terá unha elevada compoñente práctica e nelas haberá relatorios de técnicos, de emprendedores e de representantes de empresas que impulsan proxectos de enerxías alternativas, nalgúns casos con apoio do Instituto.
Entre outros relatores, o xoves 7 de xuño participarán neste encontro o emprendedor Javier Arosa, que impulsa o proxecto Biomasa Forestal; Juan Mogín, que se ocupará de presentar o proxecto Recover Recuperación, promovido polo grupo Toysal e que valorizará os residuos mediante unha innovadora tecnoloxía de gasificación por plasma; ou José Gerardo López Roibas, que presentará o proxecto de Norvento Enerxía, orientado á produción de enerxía a través das ondas mariñas. As sesións do día 7 comezarán ás 16,30 e prolongaranse ata as 19,30 horas.
Durante esta primeira xornada haberá tamén relatorios a cargo do técnico do Igape Miguel Fidalgo, que informará sobre os servizos e apoios do Instituto a emprendedores, e do subdirector de Información especializada do Instituto, Carlos Silva, que explicará os apoios deste organismo para proxectos de investimento e iniciativas orientadas a mellorar a competitividade das empresas.
O venres día 8, os encontros técnicos sobre investimentos en enerxías renovables comezarán ás 10 horas con sesións técnicas impartidas por expertos sobre as políticas comunitarias de enerxías renovables; sobre as enerxías alternativas, o medio ambiente e o desenvolvemento sostible en relación coas diferenzas Norte-Sur; ou sobre sistemas de refrixeración solar.
Entre as 12 e as 14 horas participarán nas xornadas en Enernova o director xeral do Igape, José Antonio Delgado Arce, que exporá os eixos de actuación e accións estratéxicas do Instituto; o director xeral de Xesgalicia, que falará sobre o financiamento vía capital risco; e o vicepresidente executivo da Fundación Galega para a Sociedade do Coñecemento, Javier Riera, que falará sobre os obxectivos e actuacións desta entidade.
Pola tarde, as xornadas organizadas polo Igape acollerán relatorios técnicos sobre eficiencia comparada de parques eólicos, os parques eólicos mariños no marco da xestión integral do litoral, a xerencia de riscos nas enerxías renovables, o uso enerxétivo da biomasa ou sobre a tecnoloxía do labirinto canalizado para o aproveitamento da enerxía solar.
Medran os investimentos
O colectivo empresarial aposta cada vez máis claramente por impulsar en Galicia investimentos no eido das enerxías renovables, un sector de importancia estratéxica para a Xunta que tamén atopa consideración especial no marco de apoios do Igape, sobre todo no referido aos investimentos de carácter medioambiental, ou en materia de recuperación de residuos para obter enerxía de forma limpa e sostible.
No sector de biocombustibles, están en diferentes fases de execución polo menos cinco proxectos aos que o Igape concedeu apoio durante 2006. Son proxectos que suman investimentos por importe de 88 millóns de euros e prevén crear un cento de novos empregos. Para apoiar estes investimentos o Instituto dependende da Consellería de Economía e Facenda concedeu axudas que suman 12 millóns de euros. Os proxectos aprobados durante o pasado ano son os de Entabán Biocombustibles (Ferrol), Infinita Renovables (Salvaterra, Pontevedra), Tecnoambiente Galicia (Cerceda, A Coruña), Ariasa Bioenergía (Ordes, A Coruña) e Biocarburantes de Galicia (Begonte, Lugo).
Ademais dos apoios a proxectos de biocarburantes, o Igape acordou o ano pasado apoiar outros proxectos de investimentos en materia de enerxías renovables, como o promovido por Biomasa Forestal, en Santa Comba (A Coruña). En datas máis recentes, xa en 2007, o Igape aprobou apoiar un importante proxecto de investimento en enerxía solar, como o de T-Solar Global promovido polo grupo Isolux para Ourense; ou o de Biodiésel Coruña, de novo no terreo dos biocombustibles, impulsado polo grupo Acciona; ou o de Recover Recuperación, en As Somozas. |
|
| Última actualización ( 08/06/2007 ) |


