| O Igape facilitará o financiamento de operacións de exportación das pemes por 10 millóns de euros |
|
|
Por medio do programa re-Export, que habilita unha liña liña financeira con avais específicos, a Consellería de Economía e Industria financiará, a través do Igape, custos de operacións de exportacións das pemes galegas por importe de 10 millóns de euros. O novo programa ven pechar o círculo dos apoios e servizos do Igape á internacionalización das empresas. O obxectivo é conseguir que o empresario que dispoña dun bo produto para competir no exterior non deixe de facelo por falta de financiamento.
Santiago, 17 de abril de 2011.- A Consellería de Economía e Industria está a pór en marcha unha nova liña de avais, que entrará en vigor nas próximas semanas, para facilitar o financiamento das operacións de exportación das pemes galegas por importe de 10 millóns, segundo anunciou hoxe o Conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, durante a presentación do programa re-Export.
Guerra salientou que o programa re-Export, que achegará avais do 50% para facilitar as operacións de exportación das pemes galegas, está chamado a pechar o circulo dos apoios e servizos do Igape á internacionalización das empresas. Un círculo que, segundo o Conselleiro de Economía e Industria, comeza cos diagnósticos gratuítos que acabamos de poñer en marcha co programa re-Acciona, e remata cando a empresa logre financiar e cobrar as exportacións dos seus produtos grazas ao re-Export.
Javier Guerra lembrou que o impulso á internacionalización constitúe un dos obxectivos estratéxicos da política económica do Goberno galego e salientou que, a través do Igape, se está a traballar neste eido dando resposta ás necesidades dos empresarios galegos en cada unha das etapas a seguir: a valoración de oportunidades, a toma de decisións, o servizo en orixe e destino e as axudas e apoios financeiros.
O programa re-Export pon en valor a importancia da colaboración e implicación das entidades financeiras e está destinado a impulsar as exportacións das pemes de calquera actividade produtiva, facilitando o acceso a financiamento operativo tanto para iniciar como para ampliar e consolidar a actividade exportadora. As operacións avaladas polo programa re-Export oscilarán entre os 80.000 e os 250.000 euros.
Os avais concedidos polo Igape ao abeiro do novo programa poderán garantir operacións de financiamento de materias primas para a fabricación dos produtos a exportar, e de gastos derivados dos procesos de envasado e preparación para o envío ao exterior; do mesmo xeito as axudas facilitarán o cobro anticipado dos importes das exportacións contratadas e materializadas.
Segundo o conselleiro de Economía e Industria, o programa re-Export completa a oferta de apoios á internacionalización do Igape, que concedeu nesta lexislatura máis de 27 millóns de euros en axudas directas para apoiar máis de 2.500 proxectos e mobilizar investimentos que superaron os 52 millóns de euros. Segundo lembrou Javier Guerra, temos multiplicado por catro, con respecto ao final de pasada lexislatura, os recursos dedicados cada ano á internacionalización das pemes galegas.
Axudas 2012
Neste sentido, compre lembrar que a Consellería ven de convocar a través do Igape seis programas de axudas dotados con 12,5 millóns de euros e que inclúen desde apoios para a contratación de xestores de exportación ata axudas para primeiras implantacións promocionais no exterior, entre outros; axudas ás que se suman agora os avais do programa re-Export, para que o empresario que dispoña dun bo produto para competir no exterior non deixe de facelo por falta de financiamento. |
|
| Last Updated ( Monday, 04 June 2012 ) |


