| O Igape facilitou a constitución telemática de 738 empresas baixo a forma de SLNE ou SRL |
|
|
Case o 19% das SLNE constituidas en España pertencen a Galicia, Comunidade só superada por Madrid, onde se implantou antes o sistema. Galicia acolle tamén o 15,5% das sociedades de responsabilidade limitada (SRL) constituídas de xeito telemático. Ademais encabeza a clasificación en canto á axilidade para a constitución das SLNE, xa que só precisa unha media de 1,21 días hábiles para a constitución dunha sociedade.
Santiago, 18 de agosto de 2008.- Dende a posta en marcha da súa rede composta por 7 Puntos de Asesoramento e Inicio de Tramitación (PAIT), o Igape facilitou a tramitación para a constitución de 738 novas sociedades mediante o sistema telemático que incorpora a nova figura xurídica Sociedade Limitada Nova Empresa (SLNE), especialmente orientada aos impulsores de novas iniciativas empresariais, ou mediante a forma xurídica da Sociedade de Responsabilidade Limitada (SRL). Galicia, que na actualidade conta con PAITs noutras entidades e agrupacións empresariais, está á cabeza de España pola axilidade na tramitación telemática de novas empresas; así, a creación dunha nova SLNE require en Galicia unha media de 1,21 días, tempo que é de 1,97 días en Madrid e de 2,36 días en Andalucía; do mesmo xeito, a tramitación dunha SRL é máis áxil en Galicia (6,6 días) ca nas comunidades que a seguen: Madrid (7,97 días) e Andalucía (14).
Este sistema baseado nas novas tecnoloxías axiliza o proceso e evita moitos trámites aos emprendedores. Galicia é a segunda comunidade autónoma por número de empresas creadas por esta vía, só por detrás da de Madrid, onde se puxo en marcha antes. Son galegas o 18,94% das SLNE constituídas por vía telemática; só supera a Galicia a comunidade de Madrid, cun 30% do total, e queda a moita distancia a terceira clasificada, Andalucía, cun 10,89% do total. No tocante á creación telemática de SRL, Galicia ocupa o terceiro lugar, cun 15,5% do total, por detrás de Madrid (56%) e Andalucía (23%).
Achegar aos novos empresarios a información detallada sobre as posibilidades e beneficios que aportan a SLNE ou a SRL para os emprendedores en empresarios e, ao mesmo tempo, facilitar a constitución de novas empresas abeiradas a esta fórmula xurídica, son os obxectivos dos Puntos de Asesoramento e Inicio de Tramitación (PAIT) abertos para Galicia polo Igape. Os PAIT están dispoñibles en cada unha das oficinas que ten o Instituto nas diferentes cidades galegas (A Coruña, Ferrol, Lugo, Santiago, Ourense, Pontevedra e Vigo), e permiten aos proxectos empresariais de pequena dimensión crear as súas empresas de maneira áxil, con apoio directo e con plenas garantías xurídicas. Os interesados neste servizo poden informarse en www.igape.es ou recibir información a través do teléfono 902 300 903.
Por inmensa maioría a SLNE é a forma xurídica escollida polos promotores das empresas que se constitúen en Galicia mediante tramitación telemática; así, das 848 empresas creadas na comunidade autónoma mediante este sistema, 765 son SLNE e 83 SRL. |
|
| Última actualización ( 16/10/2009 ) |


