O Igape habilita programas de préstamos para emprendedores e proxectos innovadores co aval das SGR PDF
As liñas de financiamento contemplan préstamos de entre 25.000 e 120.000 euros sen comisións das entidades e cun xuro do 3,30% en 2006. O Igape renova tamén a liña de avais para adquisición de dereitos de pesca e habilita unha liña de financiamento para pemes produtoras de uva.

Santiago, 09 de outubro de 2006.- Os emprendedores e as pemes que decidan implantar iniciativas innovadoras en Galicia poderán dispor de préstamos en condicións preferentes e avalados polas sociedades de garantía recíproca galegas, ao abeiro dos correspondentes convenios asinados polo Igape coas entidades financeiras e as SGR, que se publican hoxe no Diario Oficial de Galicia. Mediante as compensacións por custos e xestión das operacións financeiras que achega tanto ás entidades financeiras colaboradoras como ás SGR, o instituto fai posible a concesión de préstamos por contías comprendidas entre 25.000 e 120.000 euros nas seguintes condicións: prazo de amortización entre 5 e 7 anos, incluíndo ata un ano de carencia, con xuros definidos polo Euribor a seis meses+un tipo adicional de 0,25 puntos. Para o segundo semestre de 2006, o xuro nominal será do 3,30%.

A liña de préstamos a emprendedores avalados polas SGR ponse en marcha como consecuencia dunha das carencias detectadas a través do Foro Galego do Emprendemento impulsado polo Igape, a referida á necesidade de apoiar o financiamento dos proxectos emprendedores desde a súa xestación, e facelo principalmente mediante o achegamento de garantías que lles faciliten o acceso ao financiamento necesario. Mediante esta liña de apoio, o Igape habilita unha nova vía de financiamento para apoiar a cultura do emprendemento e a implantación de proxectos promovidos por emprendedores, que adoitan atopar importantes dificultades para financiar os seus proxectos, principalmente polos problemas na achega de garantías ou polos custos de xestión que teñen este tipo de operacións.

Pola súa parte, as pemes que impulsen en Galicia proxectos innovadores poderán dispor igualmente de préstamos en condicións preferentes e avalados polas sociedades de garantía recíproca galegas. O Igape dispón así unha nova vía de financiamento específico para apoiar proxectos de innovación para procurar, deste xeito, facilitar o desenvolvemento en Galicia dos proxectos deste tipo impulsados polas pemes, que adoitan tamén atopan dificultades especiais para acceder ao financiamento directo.

Avais para adquisición de dereitos de pesca

O DOG publica hoxe, por outro lado, o convenio que habilita a creación dunha liña de avais do Igape para financiar a adquisición de dereitos de pesca (caladoiros do Atlántico Nordeste-NEAFC) por parte de armadores particulares ou por agrupacións de produtores pretende apoiar iniciativas que buscan consolidar e potenciar a rendibilidade da súa actividade económica. A contía máxima de préstamos avalados ao abeiro deste convenio  é de 30 millóns de euros.

A liña de avais habilitada mediante este convenio, que estará en vigor ata 31 de decembro de 2007, servirá para o financiamento de operacións de adquisición de dereitos de acceso aos caladoiros nas seguintes modalidades: dereitos para o acceso directo ás pesqueirías; adquisición de buques que teñan acumulados dereitos de acceso ás citadas pesaqueirías; ou adquisición da totalidade do capital social de sociedades mercantís que teñan como único inmobilizado buques que gocen de dereito de acceso ás pesqueirías da NEAFC.

Financiamento para pemes produtoras de uva

O cuarto convenio publicado hoxe no DOG ten como obxectivo habilitar unha liña de financiamento específica para as pemes produtoras de uva, para facilitar o financiamento das canles de distribución deste produto cara aos mercados das adegas e demais industrias transformadoras, evitándolles aos produtores soportar cargas financeiras que poderían deteriorar gravemente a súa economía, e achegándolles maior seguridade xurídica.

O convenio facilita a creación e posta en marcha dun mecanismo que lles facilita ás pemes produtoras de uva, directamente ou a través das súas asociacións, o financiamento da venda das súas produccións mediante o desconto bancario de letras de cambio aceptadas e pagarés á orde asinados polos seus clientes para o pagamento de facturas emitidas dende o 1 de decembro de 2006 a 31 de marzo de 2007. O Igape compensará ás entidades financeiras colaboradoras polos custos financeiros e de xestión que se deriven destas operacións.

Última actualización ( 22/01/2007 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design