O Igape impulsa a ampliación do proxecto Ferrol Excelencia Hostaleira a 35 novos establecementos PDF
ImagePara desenvolver esta iniciativa o Instituto asinou un novo convenio de colaboración coa Asociación de Empresarios de hostalería de Ferrol e comarcas, Caixanova, a Universidade de Santiago e Feuga. O Proxecto Ferrol Excelencia Hostaleira cos cinco sentidos (EHO-5s) está encamiñado a dotar á hostalería da área de Ferrol dunha cultura da excelencia e fomentar a fidelización dos consumidores. Ademais, no acto entregáronse tamén os certificados de excelencia EHO-5s a 34 establecementos hostaleiros das áreas de Ferrol, Eume e Ortegal incluidos no programa o pasado ano.
 
Santiago, 13 de marzo de 2008- O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), impulsa a modernización do sector turístico na área de Ferrol coa ampliación do Proxecto Ferrol Excelencia Hostaleira cos cinco sentidos (EHO-5s) a 35 novos establecementos hostaleiros das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. Estes 35 establecementos sumaranse aos 34 que xa acadaran a certificación de excelencia hostaleira no 2007. O director xeral do Instituto –dependente da Consellería de Economía e Facenda-, Álvaro Álvarez-Blázquez, asinou hoxe en Ferrol co presidente da Asociación de empresarios de Hostalería de Ferrol e Comarcas, Julio Martínez, o director de Caixanova na comarca de Ferrol, Ángel Manuel Martínez Moar, o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Senén Barro Ameneiro, e o sudirector xeral da Fundación Empresa Universidade Galega (Feuga), Santiago Álvarez Iglesias, o convenio de colaboración que permitirá realizar a segunda edición deste proxecto financiado polo Igape. Durante o acto, entregáronse tamén os certificados de excelencia EHO-5s aos titulares dos 34 establecementos da área de Ferrolterra que acadaran a excelencia hostaleira no programa do ano pasado.
 
A ampliación do programa EHO-5s conta cun orzamento total de 130.000 euros, do que case un 62% será financiado polo Igape e o resto será aportado por Caixanova e pola propia Asociación de Empresarios de Hostalería de Ferrol e Comarcas. Feuga, como entidade especializada en achegar recursos destinados á investigación vinculada á Universidade forma parte da comisión de seguimento do programa e coordina a xestión económica do plan. O responsable do desenvolvemento da metodoloxía e da coordinación dos traballos, por parte da Universidade de Santiago de Compostela, é o profesor e director da Unidade de Psicoloxía do consumidor e Usuario, Jesús Varela Mallou.
 
ImageA nova convocatoria establece o próximo 31 de decembro do 2008 como data límite para a execución das accións programadas para procurar a extensión da excelencia hostaleira a 35 novas pemes. Esta convocatoria contempla entre as súas accións a posta en valor do selo e o seguimento das mesmas nos establecementos que acadaron a certificación de excelencia.
 
Que é EHO-5s
O programa EHO-5s é un modelo de xestión integral para o sector da hostalería que ten como finalidade o impulso da modernización do sector turístico e o fomento dunha cultura da excelencia no campo da hostalería. Precisamente no Plan de Desenvolvemento Integral das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, aparece contemplado o desenvolvemento e a dinamización do sector turístico como iniciativa prioritaria.   
 
Esta ferramenta de excelencia está integrada por un manual de protocolo, indicadores de excelencia na xestión, escalas de satisfacción dos clientes (avaliación, control e seguimento), e por un conxunto de informes de mercado orientados ao benchmarking e á priorización das posibles accións estratéxicas a emprender de cara á excelencia.
 
En definitiva, o proxecto Ferrol Excelencia Hostaleira (EHO-5s) é un sistema de normas e indicadores encamiñado a dotar a área de Ferrol dunha hostalería que responda ás expectativas dos seus usuarios, e ten como principal obxectivo aumentar a satisfacción dos consumidores e, en consecuencia, fomentar a fidelización.
Última actualización ( 17/03/2009 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design