O Igape informa sobre o seu novo marco de apoio ás empresas nunha xornada organizada con APD PDF
O Igape e o seu novo marco regulador dos incentivos e servizos aos proxectos empresariais protagonizarán a xornada informativa organizada en colaboración coa Asociación para o Progreso da Dirección (APD), que se desenvolverá o próximo día 17 en Santiago. Na apertura do encontro participarán o director xeral do Instituto, Álvaro Álvarez-Blázquez, e a directora de APD Noroeste, Loreto Sanmartín.
 
Santiago, 11 de abril de 2008.- A xornada informativa estará centrada nos instrumentos que o Instituto pon ao servizo dos empresarios galegos e pretende dar a coñecer  en profundidade as novidades e posibilidades do novo marco de apoios, que será explicado polos propios directivos. Segundo avanzou recentemente o conselleiro de Economía e Facenda e presidente do Igape, José Ramón Fernández Antonio, este novo marco de apoios ao investimento empresarial permite avanzar no desenvolvemento das liñas do plan estratéxico do Instituto en materia de incentivos, servizos ás empresas e iniciativas de cooperación e internacionalización, de cara a conseguir que o tecido empresarial galego mellore en competitividade en Galicia e gañe en capacidade de atracción para a posta en marcha de novas actividades e captación de investimentos. As novas bases reguladoras do Igape inclúen maior intensidade das axudas, maior selección e concentración de esforzos, e unha simplificación dos criterios que achegará máis axilidade e eficacia nos apoios públicos.
 
O programa comeza con relatorios sobre as novidades incorporadas aos incentivos económicos para promover investimentos empresariais, que exporán a directora da área de Financiamento do Igape, Cristina Quintela Sánchez,  e o subdirector de Xestión de proxectos, Norberto Penedo Rey. Entre outros aspectos, as súas intervencións incidirán nas liñas orientadas a favorecer o desenvolvemento do equilibrio territorial e nas axudas a proxectos colaborativos ou iniciativas de consultoría e asistencia técnica para as pemes.
 
Casto Varela, director da área de Promoción, innovación e información empresarial do Igape, e Dolores García de Los Huertos, subdirectora de Internacionalización, afondarán na presentación das axudas e servizos do Igape no ámbito da promoción exterior das empresas. Por último, o subdirector de Información Especializada do Instituto, Carlos Silva Liste, será o responsable de presentar os servizos de información e apoio á tramitación de axudas, antes do coloquio que porá fin á xornada.
 
A xornada, que se desenvolverá dende un punto de vista práctico e especializado de aplicación para as empresas, terá lugar a mañá do vindeiro xoves 17 de abril, no Hotel Puerta del Camino, en Santiago. A inscrición é de carácter gratuíto. Para máis información, os interesados poden dirixirse ao teléfono 981 53 64 34.
Última actualización ( 17/04/2008 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design