O Igape mantén operativas liñas de apoio nos eixos estratéxicos de desenvolvemento empresarial PDF
Emprendemento, competitividade, internacionalización e financiamento de investimentos conforman os principais eixos das axudas do Igape. O Instituto apoia a mellora da competitividade impulsando e elaboración de diagnósticos gratuítos e servizos avanzados de mellora no ámbito do programa re-Acciona. No ámbito da proxección exterior, o Igape avanza no desenvolvemento dos diagnósticos sobre potencial de internacionalización, ao mesmo tempo que ofrece o programa de avales re-Export para facer fronte aos custos das operacións de exportación das pemes galegas.
 
Santiago, 22 de xuño de 2012.-A través do Instituto Galego de Promoción Económica, a Consellería de Economía e Industria mantén operativas liñas de apoio nos ámbitos estratéxicos para o desenvolvemento empresarial: o financiamento de investimentos, a reorientación e mellora da competitividade e a internacionalización das pemes.
 
No eixo do financiamento para os novos investimentos, o Igape mantén operativa a liña de subvencións para apoiar grandes proxectos, a partir de 500.000 euros de investimento, ou 200.000 nas áreas con especiais plans de dinamización (Lugo, Ourense, Ferrol e Costa da Morte). Do mesmo xeito, mantense activada a liña destinada a apoiar en toda Galicia proxectos de investimento en actividades de servizos avanzados –a partir de 200.000 euros– que sexan intensivos na creación de emprego (polo menos 10 postos de traballo indefinidos).
 
Tamén no eido do apoio aos novos proxectos, Economía e Industria acaba de activar o programa re-Emprende 2012, dotado de 2 millóns de euros, para apoiar os novos investimentos, comprendidos entre 35.000 e 500.000 euros, promovidos por emprendedores ou pemes de recente creación –ata un ano–, ou a posta en marcha de novas actividades por autónomos. Tamén neste caso, hai apoios de especial intensidade nas áreas de especial dinamización, onde se garanten subvencións mínimas do 25%. Co obxectivo de apoiar igualmente o financiamento dos investimentos polas microempresas, os emprendedores e as novas pemes, o Igape prevé activar en datas próximas o programa re-Imaxina.
 
Mentres se avalían as case 900 solicitudes presentadas ao abeiro das convocatorias para incorporar a innovación a procesos ou produtos, ou para reorientar e mellorar a competitividade das pemes galegas, o Igape está a impulsar o desenvolvemento do Plan re-Acciona, dotado con 5 millóns de euros para impulsar a elaboración de diagnósticos de internacionalización e competitividade, e servizos avanzados para impulsar a mellora das empresas, mediante un proceso que prevé a incorporación e especialización, como bolseiros, de 100 novos titulados; o prazo de solicitude para estas bolsas remata o 12 de xullo.
 
Por outra banda, e tamén mentres se avalían as máis de 500 solicitudes presentadas ao amparo das bases de apoio á internacionalización das pemes, o Igape activou o programa  re-Export para facer fronte aos custos das operacións de exportación das pemes galegas, a través dunha liña financeira dotada con 10 millóns de euros avalada nun 50% polo Igape. As solicitudes ao amparo deste programa poden presentarse ata o próximo 14 de setembro.
 
No ámbito da proxección exterior das empresas galegas, por outra banda, o Igape está avanzando na realización de diagnósticos gratuítos para avaliar o potencial de internacionalización das pemes galegas. Polo momento estanse a realizar os 220 diagnósticos solicitados, e o servizo segue aberto á presentación de solicitudes polas empresas interesadas en coñecer as súas posibilidades de conquistas novos mercados. 
 
Deste xeito, a Consellería de Economía e Industria mantén operativas, a través do Igape, liñas de apoio para procurar que as empresas galegas podan impulsar novos investimentos, reorientar –se é o caso– as súas actuacións para mellorar en competitividade ou iniciar ou ampliar os seus procesos de internacionalización.
 
Last Updated ( Friday, 14 September 2012 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design