| O Igape presenta en Ferrol o re-Solve+ como activo para fortalecer a estrutura financeira das pemes |
|
|
Joaquín Varela destacou que a liña supón un avance decisivo nos compromisos asumidos polo Igape para facer fronte ás restricións de crédito. O director xeral do Igape destacou que este programa substitúe e mellora sensiblemente o re-Solve ao cubrir operacións de ata 300.000 euros, fronte ao límite anterior de 40.000 euros. O obxectivo é que as empresas poida acceder ao crédito que precisan para o seu financiamento operativo, e para consolidar as súas estruturas financeiras e mellorar os seus niveis de competitividade.
Ferrol, 10 de novembro de 2010.- O director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Joaquín Varela de Limia, presentou hoxe en Ferrol o programa de garantías re-Solve+, que ten como obxectivo fundamental mobilizar financiamento para operacións de circulante, de refinanciamento de pasivos ou de ampliacións de capital destinadas a fortalecer a estrutura financeira das pemes galegas. Segundo indicou Varela, mediante este instrumento a Consellería de Economía e Industria reafirma o seu compromiso para promover a cobertura das necesidades de financiamento das empresas galegas, procurando que as pemes poidan superar as dificultades asociadas a esixencia - polas entidades financeiras- de garantías para acceder a financiamento para circulante.
Segundo destacou Varela de Limia nun acto con empresarios, o re-Solve+ substitúe e mellora o programa re-Solve, ao tempo que complementa mellor o programa re-Brote, no marco do plan de garantías impulsado pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape, e de acordo coas directrices marcadas no plan re-Forza 2010. O novo programa supera o re-Solve ampliando o abano dos potenciais beneficiarios, ás contías máximas dos préstamos amparados, que pasan de 40.000 a 300.000, e as coberturas das garantías achegadas polas sociedades de garantía recíproca (SGR) con reaval do Igape.O director do Igape destacou o feito de que o re-Solve+ incorpore tres liñas diferenciadas, ao sumar á de circulante, xa existente no marco do re-Solve, as novas liñas para apoiar o refinanciamento de pasivos ou as ampliacións de capital destinadas a fortalecer a estrutura financeira das pemes, para garantir así a súa continuidade e competitividade futuras, explicou. Joaquín Varela destacou tamén que o novo programa amplía ao 100% a cobertura das garantías achegadas polas SGR, sempre contando cun reaval do Igape polo 25% do risco asumido por estas entidades. No marco do re-Solve, as garantías cubrían só ata o 90% do risco. Do mesmo xeito, o director do Igape destacou o incremento das contías máximas das operacións apoiadas polo re-Solve+, que poden ir de 3.000 ata 300.000 euros (entre 3.000 e 40.000 euros no ámbito do re-Solve). Outra das melloras incorporadas é a referida aos destinatarios; os beneficiarios agora poden ser os autónomos pero tamén as pemes en xeral, mentres que o re-Solve era só para microempresas e autónomos.
Ao amparo deste novo programa habilitado mediante o correspondente convenio asinado coas entidades financeiras e as SGR, a liña de apoio a operacións de circulante permitirá mobilizar préstamos comprendidos entre 3.000 e 150.000 euros, con prazo de amortización de tres anos. A liña para refinanciamento de pasivos acollerá operacións comprendidas entre os 6.000 e os 300.000 euros, con prazo de 5 anos; neste caso, a cobertura do aval da SGR será do 50% e contará co reaval do Igape polo 25% do risco. Polo que se refire á liña para ampliacións de capital, estará destinada a apoiar operacións de financiamento comprendidas entre 3.000 e 250.000 euros por socio (e 500.000 por empresa) que amplía capital, e cun prazo mínimo de 7 anos.
Ademais de achegar garantías mediante os reavais en garantía do 25% do risco asumido polas SGR, na liña de circulante o Igape subvencionará as comisións dos avais formalizados para que non repercutan sobre os beneficiarios das operacións. No programa para apoiar ampliacións de capital, o Instituto tamén subvencionará as comisións do aval e, ademais, achegará unha subsidiación de xuro de, aproximadamente, 1,5 puntos porcentuais.
Joaquín Varela salientou que o re-Solve+ supón un paso adiante nos compromisos asumidos a través do Plan re-Forza 2010 do Igape para facer fronte ás restricións de crédito e facer posible que as pemes poidan acceder ao financiamento que precisan para o seu financiamento operativo e para consolidar as súas estruturas financeiras e mellorar os seus niveis de competitividade. |
|
| Última actualización ( 10/11/2010 ) |


Segundo destacou Varela de Limia nun acto con empresarios, o re-Solve+ substitúe e mellora o programa re-Solve, ao tempo que complementa mellor o programa re-Brote, no marco do plan de garantías impulsado pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape, e de acordo coas directrices marcadas no plan re-Forza 2010. O novo programa supera o re-Solve ampliando o abano dos potenciais beneficiarios, ás contías máximas dos préstamos amparados, que pasan de 40.000 a 300.000, e as coberturas das garantías achegadas polas sociedades de garantía recíproca (SGR) con reaval do Igape.