| O Igape prestará 100 millóns de euros directamente ás empresas galegas para financiamento corrente |
|
|
Os recursos desta nova liña, destinada a facilitar o financiamento corrente de empresas viables que teñen dificultades para acadar financiamento suficiente das entidades de crédito, serán captados nos mercados financeiros. O conselleiro de Economía e Facenda, Fernández Antonio, que presidiu hoxe os consellos de direcciónde Igape e Xesgalicia, anunciou tamén a aprobación dunha liña de reavais, por importe de 50 millóns de euros, destinada a reforzar a actividade das Sociedades de Garantía Recíproca Galegas.
Santiago, 2 de febreiro de 2009.- O Conselleiro de Economía e Facenda e presidente do Igape, José Ramón Fernández Antonio anunciou hoxe a creación dunha nova liña de préstamos, por importe de 100 millóns de euros que, segundo explicou, permitirá a concesión por parte do Igape, de préstamos directos para facilitar o financiamento das pequenas e medianas empresas galegas e facilitar así a continuidade da súa actividade produtiva e o mantemento do emprego. Esta nova liña ven a complementar as xa existentes ata o de agora en colaboración co Banco Europeo de Investimentos (BEI), co Instituto de Crédito Oficial (ICO) ou as entidades financeiras, e que no seu conxunto suporán unha achega de 2.000 millóns de euros destinados ao financiamento das pemes a través do Igape e Xesgalicia. Segundo explicou Fernández Antonio trátase dunha nova vía de financiamento a través de préstamos directos con fondos obtidos directamente do mercado polo Igape.
Esta nova liña de préstamos directos está destinada a dar resposta e paliar os problemas financeiros que actualmente teñen empresas que son técnica e economicamente viables pero que, nunha situación de crise internacional e de restrición de crédito coma a actual atopan dificultades de financiamento. Así, segundo explicou o conselleiro o noso obxectivo é que ningún proxecto ou empresa viable queden sen financiamento así como tamén apoiar novos investimentos e poñer a disposición das empresas galegas e das familias todos os instrumentos de financiamento que estean na nosa man.
Por outra banda, Fernández Antonio anunciou tamén a aprobación dunha liña de reavais destinados a reforzar a actividade das SGRs por importe de 50 millóns de euros. Esta liña de reforzamento terá un efecto multiplicador nos préstamos ás pequenas e medianas empresas de 6 o que quere dicir que presenta unha capacidade de 300 millóns de euros de ampliación de préstamos ás pequenas e medianas empresas explicou o conselleiro.
Avais por importe de 44,4 millóns de euros
Fernández Antonio anunciou tamén a aprobación polo Consello de Dirección do Igape dun total de 10 operacións de apoio a empresas galegas por un importe global de 44,4 millóns de euros. Os apoios consisten, segundo explicou o conselleiro en dez operacións de aval a dez empresas de sectores como o pesqueiro, textil-moda, graniteiro, madeira ou industria.
No ámbito do sector téxtil-moda, concédese un aval por importe máximo de 11,55 millóns de euros a Roberto Verino Difusión. No sector da industria, concédense operacións de aval a Pumade, por 3 millóns de euros, Industrias González, 2,2 millóns de euros, e Cometal Inpesa, 2 millóns de euros. No ámbito do sector graniteiro, o Consello do Igape aproba a concesión de avais por importe de 2,2 millóns de euros a Granitesa, e por importe de 1,1 millóns a Granipec España. Concédese igualmente un aval por importe máximo 1,8 millóns, no marco do sector agrogandeiro, a Matadero Frigorífico Montellos. No eido da industria madeireira, o Igape aprobou a concesión dun aval por importe de 5,2 millóns de euros a Maderas Iglesias. E no ámbito pesqueiro, o Igape concede un aval por importe de 2,4 millóns de euros a Promotora Industrial Sadense.
Fernández Antonio informou tamén da aprobación por parte de Xesgalicia, das dúas primeiras participacións en capital subscritas polo novo fondo Ferrol Iniciativas Empresariais: Nutra Omega Biotecnología Oleica con 1 millón de euros e Tratadie, Tratamientos del Acero S.L. con 400.000 euros. |
|
| Última actualización ( 13/02/2009 ) |


