O Igape promove a consolidación dos proxectos máis innovadores a través do premio Emprendedor XXI PDF
O Instituto dependente da Consellería de Economía e Industria participa na difusión do certame e na selección dos mellores proxectos galegos. A mellor empresa galega creada nos dous últimos anos obterá un premio de 5.000 euros e o seu promotor participará nun curso formativo na Universidade de Cambridge. O prazo de presentación de candidaturas para este certame remata o próximo 9 de maio para a categoría Emprendes e o 30 de maio para a categoría Creces.
 
Santiago, 9 de abril de 2012.- A Consellería de Economía e Industria colabora, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), na organización e na selección de proxectos para a sexta edición do Premio Emprendedor XXI promovido por La Caixa, co obxectivo de identificar, recoñecer e acompañar no seu proceso de consolidación ás empresas galegas innovadoras de recente creación e con maior potencial de crecemento.
 
O premio Emprendedor XXI está co-outorgado polo Ministerio de Industria, Energía y Turismo a través da Empresa Nacional de Innovación (ENISA) e conta con dúas categorías: Emprendes, para as empresas constituídas desde o 1 de xaneiro de 2010; e Creces, para as empresas fundadas entre o 1 de xaneiro de 2005 e o 31 de decembro de 2009.
 
Os emprendedores interesados en participar neste certame poder consultar as correspondentes bases e presentar as súas candidaturas a través da web www.emprendedorxxi.es. O prazo remata o 9 de maio  para a categoría Emprendes e o 30 de maio para a categoría Creces.
 
A Consellería de Economía e Industria da Xunta participa, a través do Igape, na difusión do certame e na selección dos mellores proxectos impulsados por emprendedores especialmente innovadores. O mellor proxecto galego presentado á categoría Emprendes terá un premio de 5.000 euros, e o seu promotor participará nun curso formativo en habilidades directivas na Universidade de Cambridge. Tamén disporá de apoio á súa internacionalización a través da súa participación nunha misión comercial, e poderá acceder a financiamento preferente de Caixa Capital Risc e Enisa. Ademais, poderá aspirar ao premio estatal, dotado con 20.000 euros.
 
Na categoría Creces, o proxecto gañador a nivel nacional recibirá 100.000 euros, e haberá un segundo premio dotado con 40.000 e un terceiro de 25.000 euros. Ademais, os promotores das 25 mellores empresas seleccionadas accederán a un curso intensivo especializado impartido por ESADE e IEESE, e terán acceso preferente a financiamento de la Caixa Capital Risc e Enisa.
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design