| O Igape promove os procesos de internacionalización de alta competitividade no encontro coas ADR |
|
Santiago, 25 de outubro de 2010.-A Consellería de Economía e Industria impulsa a xestión da innovación e a planificación dos procesos de internacionalización de alta competitividade no marco do X Foro de Axencias de Desenvolvemento Rexional (ADR), que organiza a través do Igape e que se desenvolverá en Santiago de Compostela (Hotel Porta do Camiño) o próximo 28 de outubro. O encontro incluirá ademais debates sobre a xestión do talento como base da competencia empresarial.
Con carácter previo aos debates entre os directivos e técnicos das ADR, na procura de optimizar os catálogos de servizos e apoios que prestan a emprendedores e empresarios, o encontro incluirá relatorios abertos a todos os empresarios galegos interesados en asuntos como a xestión da innovación como reto da transformación empresarial, que desenvolverá o director xeral de Serviguide, Manuel Galán, e que irá seguido dunha mesa redonda na que participarán o director xerente de Intaf, José Ramón Franco Caaveiro, e o director de marqueting de Urovesa, Justo Sierra.
Outro dos relatorios abertos a todos os empresarios galegos que desexen asistir abordará a planificación dos procesos de internacionalización de alta competitividade, da man de Eliana Benjumeda e Mario Esteban, da dirección de estratexia e innovación de Acciona; logo dos relatorios técnicos, haberá unha mesa redonda coa participación do director operativo de ICEACSA, Carlos Martínez Bustelo, o director da área de AA.PP. e Industria de SIVSA, Alfredo Castro, e o secretario xeral do Igape, Javier Álvarez Barbeito.
As Axencias de Desenvolvemento Rexional (ADR) españolas integradas na Asociación Española de ADR, entre as que se encontra o Igape, celebran na capital de Galicia o décimo aniversario da súa creación, nun encontro co que se busca concretar o modelo futuro destas entidades, optimizando os servizos e apoios que prestan as empresas e aos emprendedores.
As ADR como socio transformador de modelos de negocio é un dos relatorios a desenvolver neste marco, no que se abordará tamén o novo modelo de ADR, orientado a facer fronte á crise e á modificación do marco de apoio comunitario mediante unha maior profesionalización para achegar servizos e ferramentas de maior valor para as empresas. O Foro ADR 2001-2010 incluirá, por outra banda, unha rolda de presentacións con casos de éxito arredor de iniciativas impulsadas por estas entidades de desenvolvemento rexional.
A Asociación Española de Axencias de Desenvolvemento Rexional naceu hai dez anos co obxectivo de contribuír á planificación de políticas públicas e actividades encamiñadas a promover o desenvolvemento rexional. A Asociación está integrada polos organismos autonómicos con competencias en materia de desenvolvemento rexional de 17 comunidades autónomas e das dúas cidades autónomas. |
|
| Última actualización ( 28/10/2010 ) |


