| O Igape xestiona oportunidades de negocio ou alianza con Israel para empresas de diversos sectores |
|
|
O Instituto adscrito á Consellería de Economía e Industria busca empresas galegas interesadas na creación de joint ventures ou en facer negocios cos grupos empresariais israelís contactados polo Igape durante o maio de Galicia en Israel. O Instituto está avaliando tamén diferentes posibilidades de investimento en Galicia promovidos por empresas israelís.
Santiago 09 de xuño de 2012.- A Consellería de Economía e Industria está a xestionar, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), posibles oportunidades de negocio ou alianza estratéxica con Israel para empresas galegas de sectores como as novas tecnoloxías, o téxtil ou a construción, entre outros.
Como consecuencia da presenza directa en diversas feiras internacionais desenvolvidas en Tel Aviv, durante o pasado mes de maio, o Igape estableceu contacto con diferentes empresas interesadas en avaliar posibilidades de investimento en Galicia ou oportunidades de negocio ou alianza estratéxica con empresas galegas de sectores como as TIC, o téxtil aplicado á industria militar, a fabricación de plásticos, a construción ou as conservas, entre outros.
O Igape está agora en proceso de localizar e contactar con empresas galegas con perfiles compatibles cos produtos demandados ou coas empresas que interesan aos grupos empresariais israelís cos que se estableceu contacto. Este é un servizo engadido ao prestado en destino ás empresas galegas que participaron nalgunha das feiras internacionais en Israel, entre as que estiveron Galchimia, Telecon Galicia, Teaxul, Cultivos Casaíta ou UtilVigo.
O director xeral do Igape, Javier Aguilera, encabezou a delegación galega que participou durante no Maio de Galicia en Israel, co obxectivo de abrir canles de colaboración tanto institucional como empresarial nese país, que destaca polo seu potencial innovador. A través do Igape, Economía e Industria facilitou a participación das empresas galegas nas mostras que transformaron Israel no epicentro mundial da tecnoloxía, da innovación e dos negocios en ámbitos de actividade como a construción, a agricultura, as enerxías limpas, as Tic ou a biotecnoloxía.
Aguilera, que viaxou acompañado por outros responsables do Igape, mantivo encontros institucionais coa directora do Israel Export & International Cooperation Institute, Sabine Segal, e co director de Investment Promotion Center do Ministerio de Industria israelí, Oded Distel. Tamén se reuniu coa directora de relacións internacionais da Federación Israelí de Cámaras de Comercio, Ronnie Reiber, e co responsable para relacións con España do Program Manager, Europe do Matimop, a axencia do Goberno de Israel que se ocupa de promover as relacións entre as empresas do país e as estranxeiras.
O Maio de Galicia en Israel constituíu unha oportunidade de interese estratéxico para avanzar nas relacións empresariais entre Galicia e Israel, dada a diversidade das mostras internacionais desenvolvidas. O Igape achegoulles ás empresas interesadas en participar nalgunha destas mostras internacionais asistencia técnica previa e asistencia en destino.
A economía de Israel destaca pola súa apertura á cooperación internacional, sobre todo en actividades especialmente innovadoras. Como país asociado da UE, o país é membro do VII Programa Marco de Investigación e desenvolvemento tecnolóxico, no que as empresas, universidades e institutos de investigación israelís participan como membros de pleno dereito.
|
|
| Last Updated ( Monday, 30 July 2012 ) |


