O mundo rural preséntase como unha boa alternativa para lanzarse á creación dunha empresa PDF
ImageAgader anima a emprender neste ámbito, tanto con actividades baseadas en produtos primarios ou tradicionais como con iniciativas máis actuais.

Santiago, 6 de marzo de 2007.- O vindeiro 22 de marzo celébrase no Pazo de Congresos de Santiago o  II Día Galego do Emprendedor (www.diaemprendedor.com). Durante o evento, impulsado de maneira conxunta polo Igape e Bic Galicia, abordaranse novos modelos de negocio en diferentes sectores, entre eles o ámbito rural.

Neste espazo participarán Miguel Ángel Areán, de “Castañas Naiciña” e Arturo Vaquero Taboada, do estudo de gravación de son “Estudios Abrigueiro”. Moderará as súas intervencións José Miguel Curiel Cepeda, técnico de Agader -Axencia Galega de Desenvolvemento Rural-.

Tal como afirma o técnico de Agader José Miguel Curiel, a diversidade do eido rural permite a acollida de iniciativas empresariais moi diferentes. “Estamos máis afeitos a escoitar falar de actividades fundadas nos produtos primarios ou tradicionais, pero estas non poden ficar paradas. Estas actividades máis tradicionais asegúranse o futuro cando se diferencian dos seus competidores e permanecen nun estado de continua alerta incorporando novos produtos, modificando as súas liñas de produción, presentando os seus produtos de sempre en formas variadas” -manifesta-.

Dende Agader consideran que estes mesmos preceptos se poden aplicar ás actividades non vinculadas aos produtos primarios. “As actividades que non precisan das producións máis características ou tradicionais do rural aproveitan os seus valores ao levar o seu centro empresarial ao medio rural, incorporando un grao de diferenciación respecto dos seus competidores que non ten parangón”, destaca Curiel.

“Castañas Naiciña”, un pequeno negocio familiar con importante presenza internacional

A empresa "Castañas Naiciña" presentarase no II Día Galego do Emprendedor como un exemplo de negocio con éxito no ámbito rural. Naceu como un negocio familiar que prosperou ata situarse nos primeiros postos do mercado internacional do seu sector.

En Chantada, a familia Areán González dedicábase dende 1972 á comercialización de produtos agrícolas, cando no ano 1985 apostaron polo mercado da castaña. Decidiron especializarse na súa elaboración e distribución, investindo en tecnoloxía cunha modernización constante da súa maquinaria, pero conservando inalterable a elaboración tradicional.

"Castañas Naiciña" adaptouse ás demandas do consumidor, modificando as tipoloxías dos envases e diversificando a produción, incorporando novos produtos baseados na mesma materia prima e introducindo outros transformados.

Miguel Ángel Areán percatouse de que “se non se apostaba pola industrialización para engadirlle valor á materia prima, os mercados acabarían por prescindir de nós. Non había viabilidade como simples vendedores dunha mercadoría”.

A empresa comezou sendo un axente comercial dedicado fundamentalmente á castaña. Na actualidade o negocio familiar, tras numerosos pasos adiante na cadea de transformación deste froito típico, produce castaña seca, pelada-conxelada, fariña de castañas -da que son os únicos produtores españois-. Tamén comercializa novos transformados como marrón en almíbar, puré ou crema de castaña, entre outras variedades.

A empresa ten nestes momentos unha importante presenza no ámbito internacional. Os seus produtos están presentes en toda España, Europa e mesmo en Latinoamérica.

Un estudo de gravación no rural

Como exemplo de empresa moderna situada no rural, no II Día Galego do Emprendedor mostrarase a experiencia de “Estudos Abrigueiro”. Atópase na aldea de Abrigueiro, no concello lucense de Friol. Ofrece todos os servizos relacionados coa gravación, mestura e masterización de son, “nun contorno natural e ameno” -tal como declara o seu creador-.

Arturo Vaquero Taboada, músico e produtor máis coñecido co seudónimo de Humanoid combina o seu labor de compositor co de enxeñeiro de son e produtor musical na gravación de discos e maquetas de grupos de variados estilos musicais, así como a realización de bandas sonoras e música para documentais e anuncios en radio e TV.

Última actualización ( 19/03/2007 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design