| O Pazo dos Sangro incorporarase á oferta hosteleira de Lugo co apoio do programa emprendedores |
|
|
Santiago, 28 de setembro de 2006.- No cerne da cidade das Murallas atópase o Pazo dos Sangro, en pleno burgo medieval. O edificio, do século XVIII, tamén coñecido como Pazo dos Señores de Orbán, está a ser recuperado a xeito de hotel monumento de época por María de la O Cabezas, quen, na compaña dos irmáns Fernández Díaz, rexentará o hotel, hoxe aínda en fase de acondicionamento. Os promotores contan co apoio do Igape para a posta en marcha do seu negocio a través do Programa emprendedores. O Pazo de Orbán é un edificio histórico sito no burgo vello lucense que se integra á perfección no conxunto monumental da cidade. Segundo María de la O Cabezas, quen dirixe persoalmente a posta a punto do edificio, para disfrutar do novo hotel, cómpre saber valorar Lugo e mergullarse no seu encanto do que este pazo é unha das pezas máis salientables. O edificio, que se sitúa ao paso do Camiño Primitivo de Santiago, ao carón da porta Miñá, posúe unha arquitectura típica do pazo galego. A construción do pazo, no século XVIII, correu a cargo de Lucas Ferro Caaveiro, arquitecto de sona no século XVIII a quen se lle atribúe, entre outras edificacións, a da Casa Cabildo da praza das Praterías compostelá. Segundo nos describe María de la O, o pináculo da esplendorosa porta principal, moldeada e torneada no centro da fachada leste, ofrece ao nacente o baixo e os dous andares superiores rematados nunha peineta con pedra armeira. Inclúe seis cantóns e un escusón central, todo cuberto por unha cimeira coa coroa marquesal e rodeado por unha artística orla composta por un brazo que sostén nas sús mans máscaras con cornos de cabra enlazados cunha cadea enredada. De planta cadrangular, a casona dos Orbán presenta no seu interior unha grande escalinata pétrea que arrinca dun machón cuadriculado, escalando os distintos andares con balaustres de granito tallados. O pazo estase a restaurar ao xeito tradicional, respectando a arquitectura e moblería da súa época, mais con todas as comodidades que precisa o visitante de hoxendía. O hotel disporá de 12 cuartos con vistas ao casco histórico de Lugo que estarán en breve a disposición de todo aquel que desexe vivir por uns días no Lugo baixomedieval. Un proxecto meditado O proxecto de crear un hotel no Pazo de Orbán xa leva tempo na mente de María de la O e Manuel, mais varios atrancos intercaláronse no seu camiño. A parella, con ampla experiencia hostaleira na capital do Estado, veu a Lugo cunha idea ben formada. Acondicionar un Pazo e achegar a arquitectura tradicional galega aos visitantes de fóra constitúe un proxecto ambicioso mais laborioso. Os emprendedores precisaban o pulo definitivo para levar a cabo o seu soño. O proxecto comezou a acadar forma definitiva en 2002 ao gañar o Premio a Proxectos de Creación de Empresas da Fundación CEL luguesa. Dende aquela empezou o traballo de recuperación que culminará en breve coa apertura ao público. Entre os atrancos que tiveron que superar María de la O e Manuel sobresae un con especial relevancia e interese histórico. No proceso de excavación atopáronse os restos dunha fonte de grande importancia arqueolóxica, coñecida como A Pinguela, que retrasou un ano as obras. A fonte, situada na praza do mesmo nome, asoma á solaina do pazo, onde repostaban os peregrinos que percorrían o camiño primitivo de Santiago no século XVI. Logo da sinatura dun convenio de recuperación coa Consellería de Innovación e Industria, incluída no Plan Xacobeo, a fonte pasará a constituír un atractivo máis do Pazo de Orbán. |
|
| Última actualización ( 15/01/2007 ) |


O hotel, sito nun edificio do século XVIII construído polo arquitecto compostelán Lucas Ferro Caaveiro, conservará a feitura tradicional do pazo galego. Unha escaleira de cantería e o achádego da Fonte da Pingela nos baixos do pazo son dous dos atractivos históricos do Pazo dos Sangro.