| O plan re-imaXina do Igape habilita préstamos para financiar os investimentos das microempresas |
|
|
O plan impulsado pola Consellería de Economía e Industria mantense activo para financiar tamén investimentos de empresas novas ou de pemes que aspiran a mellorar a súa competitividade. O departamento que dirixe Javier Guerra busca deste xeito facilitar o acceso ao crédito aos emprendedores para que podan impulsar novos investimentos. Os préstamos, que se poden solicitar ata o próximo 30 de xuño, contarán co aval dunha SGR que cubrirá o 80% do importe. Durante 2009, o Igape recibiu case 500 solicitudes para financiar préstamos por máis de 11 millóns de euros ao abeiro deste programa.
Santiago, 25 de xaneiro de 2009.- As empresas de recente creación, ás microempresas e as empresas que precisen financiamento para impulsar investimentos destinados a mellorar ou medrar poderán seguir contando cos préstamos habilitados pola Consellería de Economía e Industria no marco do plan re-imaXina, logo de que o Consello de dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) decidise prorrogar ata o próximo 30 de xuño de 2010 o prazo para a presentación de solicitudes, segundo a resolución que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia. Durante 2009, o Igape recibiu case 500 solicitudes para financiar préstamos por importe de máis de 11 millóns de euros ao abeiro deste programa. O reto do programa re-ímaXina é habilitar préstamos subsidiados e avalados para facilitar o financiamento dos novos investimentos impulsados por novas pemes, por pemes que queren medrar ou renovarse para mellorar en competitividade ou por microempresas galegas. O Plan re-imaXina está deseñado para facilitar a concesión polas entidades financeiras de préstamos para investimentos, eliminando dous dos atrancos que adoitan dificultar o acceso ao financiamento das empresas de menos dimensión: as garantías esixidas e os custos de xestión.
As microempresas e pemes beneficiarias deste programa de apoio impulsado polo Igape poderán dispoñer de préstamos que contarán co aval dunha Sociedade de Garantía Recíproca (SGR) polo 80% do importe do financiamento. Nin as entidades financeiras nin as SGR poderán requirir dos solicitantes máis garantías adicionais que as persoais dos promotores da actividade empresarial. Os beneficiarios tampouco deberán pagar á entidade financeira ou a SGR correspondente ningún outro custo derivados da operación acollida a esta liña.
As achegas do Igape fan posible que os xuros dos préstamos concedidos polas entidades financeiras ao amparo deste programa sexan fixos, do 3,14%, no caso dos destinados a microempresas. Os préstamos para novas pemes e pemes competitivas serán variables e estarán referenciados ao euríbor a seis meses; en 2009, o xuro efectivo dos préstamos concedidos nestas dúas liñas foi do 2,98%.
Os préstamos concedidos ao abeiro destas bases e no marco do correspondente convenio que o Igape asinou coas entidades financeiras adheridas e as sociedades de garantía recíproca que operan en Galicia terán un prazo de amortización de ata 5 anos, no caso da liña para as microempresas, e de 5 a 7 anos nos concedidos nas liñas para novas pemes e pemes competitivas. En todos os casos, os prazo poderán incluir ata 1 ano de carencia na amortización do capital.
Case 500 solicitudes
Durante o ano 2009, o Instituto que preside o Conselleiro Javier Guerra recibiu 488 solicitudes no marco deste programa financeiro, para o financiamento de investimentos por importe de 11,4 millóns de euros. Destas solicitudes, 388 corresponderon a microempresas, 84 foron de pemes de recente creación e as 16 restantes pertencen a pemes con plans que apostan por medrar e mellorar a súa competitividade.
|
|
| Última actualización ( 25/01/2010 ) |

