O plan re-Móblate Galicia prevé dinamizar o sector xerando vendas por valor de 30 millóns de euros PDF
Incentivar a demanda de mobiliario en madeira e manter o emprego son os obxectivos básicos deste novo impulso da Consellería de Economía e Industria a un sector estratéxico para Galicia. O importe mínimo das operacións subvencionables –compra dun ou varios mobles- será de 600 euros e o máximo de 4.000. O programa presentado hoxe polo Conselleiro Javier Guerra está consensuado co sector, que se compromete a facer descontos equiparables ás subvencións do Igape para acadar apoios conxuntos de ata 600 euros por beneficiario.
 
Santiago, 3 de novembro de 2010.- O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, anunciou hoxe rolda de prensa a posta en marcha do Plan re-Móblate para mobilizar vendas no sector por valor de case 30 millóns de euros. A Consellería, a través do Instituto Galego de Promoción Económica, destinará 2 millóns de euros a incentivar as vendas de mobles de madeira e colchóns, de acordo co previsto no Plan re-Móblate Galicia, que está consensuado co sector a través da Federación Galega de Comerciantes do Moble, logo de avaliar outras iniciativas de estímulo da demanda impulsadas, dentro deste sector, noutras comunidades autónomas.
 
ImageAs bases publicadas hoxe no DOG constitúen un incentivo temporal á demanda, axeitado á estrutura de produción de Galicia, para incentivar a demanda de mobiliario para o fogar co obxectivo de dinamizar as vendas e manter o emprego no sector, que conta con máis de 25.000 traballadores, dos que 9.000 están no comercio.
 
O importe mínimo das operacións subvencionables –compra dun ou varios mobles- será de 600 euros e o máximo de 4.000. A axuda resultante para o comprador dos bens obxecto do Programa re-Móblate poderá chegar ata 600 euros, nunha ou varias operacións de compra, sumando a subvención do Igape e o compromiso de desconto que asumen conxuntamente fabricantes e vendedores para favorecer un maior estímulo da demanda.
 
Os elementos subvencionables deben proceder de fabricantes adheridos ao plan segundo modelo de adhesión publicado polo Igape. As entidades colaboradoras serán establecementos de venda de mobiliario de madeira para o fogar ou colchóns pertencentes á categoría de Peme con personalidade xurídica propia –incluídos autónomos- con centro de actividade do establecemento en Galicia, e que se adhiran formalmente ao programa. As entidades colaboradoras comprométense a efectuar os descontos previstos nas bases reguladoras, tanto o correspóndete a fabricantes-vendedores como a subvención que lle corresponde achegar á Consellería de Economía e Industria a través do Igape. A adhesión das entidades colaboradoras deberá formalizarse na web do igape a través da dirección www.tramita.igape.es.
 
As bases do Plan re-Móblate Galicia entrarán en vigor aos sete días naturais dende a publicación das bases no DOG e o prazo de presentación de solicitudes rematará o 15 de decembro próximo. Serán subvencionables ao amparo desta liña de apoio as operacións de compras de mobiliario de madeira para o fogar ou colchóns realizadas nunha entidade colaboradora –establecemento de venda- e fabricados por unha empresa de fabricación adherida que se formalicen nese prazo.
 
A cadea industrial da madeira é un dos sectores estratéxicos en Galicia. Logo de avaliar a incidencia positiva do re-Móvete comercial nas vendas de coches en Galicia, e despois de avaliar tamén programas de incentivos á venda de mobles elaborados noutras comunidades, a Consellería de Economía e Industria decide lanzar, de xeito acordado cos representantes dos establecementos de venda de mobiliario en Galicia, o Plan Remóblate Galicia 2010, un incentivo de carácter temporal para estimular as vendas de mobles de madeira para o fogar.
Last Updated ( Wednesday, 03 November 2010 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design