| O Plan Revive mobilizará investimentos de 70 millóns de euros para dinamizar a Costa da Morte |
|
|
O plan inclúe subvencións a fondo perdido, préstamos sen xuro e rebaixa nos prezos do solo para favorecer a implantación de novos proxectos nos 19 concellos desta zona. O programa incorpora medidas para apoiar proxectos de mellora da competitividade e iniciativas de novos emprendedores, e un plan específico de promoción e comunicación. Unha das iniciativas deste plan contempla o compromiso de Xestur de rebaixar nun 10% o prezo final das parcelas da nova superficie empresarial do polígono de Carballo.
Santiago, 9 de setembro de 2010.- O Consello da Xunta deu hoxe o seu visto e prace ao Plan de dinamización industrial da Costa da Morte/Bergantiños, Plan Revive, impulsado pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape e que ten como obxectivo principal o de converter a zona nun territorio atractivo para novos investimentos destinados a crear riqueza e xerar emprego na comarca. O orzamento do Programa Revive supera os 25 millóns de euros, contando préstamos directos, subvencións a fondo perdido, subsidiación de xuros e rebaixas de prezos de solo industrial público no polígono de Carballo por parte de Xestur, entre outros conceptos.
O Plan establece diferentes accións para apoiar o crecemento económico mediante a dinamización da actividade empresarial nos 19 concellos da Costa da Morte e Bergantiños. A área de influencia do Programa Revive Costa da Morte inclúe os concellos de Carballo, A Laracha, Malpica, Ponteceso, Cabana de Bergantiños, Coristanco, Laxe, Camariñas, Vimianzo, Zas, Muxía, Santa Comba, Dumbría, Cee, Fisterra, Corcubión, Mazaricos, Carnota e Muros. Constitúe unha aposta polo mundo empresarial en xeral e polos emprendedores, en particular, capaces de desenvolver proxectos e xerar riqueza.
O programa Revive está deseñado para compaxinar unha serie de medidas novas coa posta en valor das xa existentes para a Costa da Morte e Bergantiños. Todo este conxunto de accións de fomento farán particularmente atractivo este territorio para que os potenciais investidores o teñan en conta á hora de valorar onde radicarán os seus investimentos. O novo programa ten o seu encaixe na política social, económica e territorial do Goberno galego, que busca un crecemento económico equilibrado do territorio, nun marco de artellamento e vertebración conformado a partir da potenciación das oportunidades locais, das súas vantaxes comparativas e das iniciativas empresariais e colectivas.
|


