O programa Ferrol excelencia hostaleira EHO-5s superará o cento de establecementos certificados PDF
O Instituto Galego de Promoción Económica, dependente da Consellería de Economía e Industria, vén de asinar o novo convenio de colaboración coa Asociación de Empresarios de Hostalería de Ferrol e comarcas, a Universidade de Santiago de Compostela e Feuga para desenvolver  o proxecto Ferrol Execelencia Hostaleira EHO-5s. No acto foron entregados os certificados de excelencia EHO-5s a 35 establecementos hostaleiros das áreas de Ferrol, Eume e Ortegal incluidos na pasada edición do programa. A partir deste ano serán xa máis dun cento os establecementos certificados.
 
Santiago, 20 de xullo de 2009.- O Instituto galego de promoción económica (Igape), impulsa a implantación dunha certificación de excelencia hostaleira en 40 novos establecementos hostaleiros das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, que se sumarán aos 69 que xa acadaron o distintivo nas dúas edicións anteriores, ao abeiro da iniciativa Ferrol excelencia hostaleira, cos cinco sentidos (EHO-5s) tamén financiada polo Instituto dependente da Consellería de Economía e Industria. No marco da súa planificación actual, o Igape promove e coordina o Plan de desenvolvemento integral das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, onde o impulso á modernización do sector turístico se establece como prioritario.
 
Ferrol Excelencia Hostaleira cos cinco sentidos (EHO-5s) é un modelo de xestión integral para o sector da hostalería. O responsable do desenvolvemento da metodoloxía, por parte da Universidade de Santiago de Compostela, é o profesor Jesús Varela Mallou do departamento de psicología Social, Básica e Metodoloxía da Facultade de Psicoloxía e director da Unidade de Psicoloxía do consumidor e Usuario; el é o encargado da coordinación dos traballos.
 
ImageTralo éxito das anteriores convocatorias entre os empresarios da hostalería de Ferrolterra, o Igape promove agora a terceira edición do proxecto, que contribuirá á dinamizar entre este colectivo unha cultura da excelencia, ao amparo do convenio de colaboración que asinaron hoxe en Ferrol o director xeral do Instituto, Joaquín Varela de Limia, o presidente da Asociación de empresarios de Hostalería de Ferrol e Comarcas, Julio Martínez, o vicerreitor de Comunidade Universitaria e Compromisos Sociais da Universidade de Santiago de Compostela, José Mayón, e o subdirector da Fundación Empresa Universidade Galega (Feuga). Deste xeito, a partir deste ano serán xa máis dun cento os establecementos hostaleiros das comarcas con certificación de excelencia.
 
Para a execución desta ampliación do programa Ferrol excelencia hostaleira, cos cinco sentidos (EHO-5s) prevese un orzamento total cifrado en 80.500 euros, que será financiado integramente polo Igape. Como entidade especializada en achegar recursos destinados á investigación vinculada á Universidade, Feuga forma parte da comisión de seguimento do programa e coordina a xestión económica do plan.
 
A ferramenta de excelencia EHO-5s está integrada por un manual de protocolo, indicadores de excelencia na xestión, escalas de satisfacción dos clientes (avaliación, control e seguimento), e por un conxunto de informes de mercado orientados ao benchmarking e á priorización das posibles accións estratéxicas a emprender de cara á excelencia. Polo que se refire aos titulares dos 35 establecementos que acadaron a excelencia hostaleira en 2008, recibiron o correspondente distintivo EHO-5s durante o acto no que se asinou a extensión do programa.
 
A nova convocatoria establece o próximo 31 de decembro do 2009 como data límite para a execución das accións programadas para procurar a extensión da excelencia hostaleira a 40 novas pemes. Esta convocatoria contempla entre as súas accións a posta en valor do selo e o seguimento das mesmas nos establecementos que acadaron a certificación de excelencia.
 
O programa incorpora un modelo onde a calidade percibida dun servizo se define desde dous enfoques: desde unha calidade obxectiva ou técnica e desde unha calidade subxectiva. Os deseñadores desta metodoloxía patentada poñen maior énfase na análise da calidade funcional ou subxectiva ou, o que é o mesmo, na calidade que existe unicamente na mente do cliente, que adoita ser máis crítico e esixente coas deficiencias da calidade funcional ou “calidade subxectiva”, que cos fallos técnicos.
 
A certificación de excelencia EHO-5s debe ser entendida como metodoloxía complementaria aos distintos modelos teóricos que abordan a xestión da calidade dende o punto de vista empresarial, tales como as normas ISO, ICHE, EFQM, EOQ, etc. O Sistema de Ferrol Excelencia Hostaleira (EHO-5s) é un sistema de normas e indicadores encamiñado a dotar á área de Ferrol dunha hostalería que responda ás expectativas dos seus usuarios, e ten como principal obxectivo aumentar a satisfacción dos consumidores e, en consecuencia, fomentar a fidelización.
Última actualización ( 20/07/2009 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design