O programa re-Inviste Ferrol mobilizará 3 millóns de € para apoiar investimentos no sector servizos PDF
A nova liña de apoios xestionada a través do Igape no marco do Plan Ferrol habilitará préstamos sen xuro, grazas á subsidiación de 4 puntos porcentuais a través do Instituto que preside o conselleiro Javier Guerra. Publícanse hoxe no DOG as bases do programa que incentiva os investimentos dos emprendedores e empresas do comercio polo miúdo, a hostalería, o turismo e  os servizos nas comarcas de Ferrrol, Eume e Ortegal Esta nova liña súmase á vixente para apoiar grandes investimentos con subvencións mínimas do 20% para novas implantacións empresariais nas comarcas.
 
Ferrol, 27 de xullo de 2010.- Os emprendedores e pemes dos sectores do comercio, o turismo, a hostalería e os servizos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal que desexen impulsar investimentos e crear emprego poden acceder aos apoios preferentes habilitados no marco do novo programa re-Inviste Ferrol, impulsado pola Consellería de Economía e Industria a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), e que prevé mobilizar 3 millóns de euros este ano. As solicitudes ao abeiro desta nova liña de apoio aos investimentos, habilitada no marco do Plan Ferrol e que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia, poden presentarse desde mañá e ata o 31 de decembro de 2010.
 
O director xeral do Igape, Joaquín Varela de Limia, compareceu hoxe en roda de prensa xunto co director do Plan Ferrol, Alejandro Langtry, e o presidente da Asociación Impulsora do Plan Ferrol, Manuel Iglesias, e salientou que o obxectivo do Goberno galego é que as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal constitúan un lugar preferente para investir e crear emprego. Un obxectivo que se traduce no compromiso para apoiar con axudas de especial intensidade as boas ideas e os proxectos solventes que sirvan para reactivar a economía destas comarcas.
 
ImageO novo programa re-Ínviste Ferrol súmase agora as vixentes liñas de subvención para apoiar grandes investimentos empresariais nesta zona, que garanten apoios mínimos do 20% no caso das novas implantacións industriais. O Re-Inviste Ferrol forma parte do abano de instrumentos integrados dentro do proxecto de desenvolvemento integral das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal e coordinado co resto das actuacións previstas, co obxectivo de impulsar unha estratexia de desenvolvemento que permita un crecemento acumulado e a creación de emprego, ao tempo que se leva a cabo unha estratexia de diversificación produtiva na zona.
 
Joaquín Varela explicou que o programa Re-Inviste apostará sobre todo por aquelas iniciativas relacionadas co sector terciario, en ámbitos como o turismo, o comercio polo miúdo, a hostalería e os servizos en xeral, e que se traducirá na promoción de proxectos orientados a dinamizar a economía da comarca, especialmente a actividade das pemes e dos emprendedores.
 
O plan re-Inviste Ferrol mobilizará préstamos preferentes, con xuros limitados que poden mesmo ser inexistentes dependendo da opción (fixo ou variable) escollida polos beneficiarios, ao contar en todo caso coa subsidiación polo Igape de catro puntos porcentuais, así como a subvención da comisión do aval no caso de participar na operación, ademais da entidade financeira, unha sociedade de garantía recíproca.
 
O xuro previsto para as operacións onde o beneficiario escolla o tipo fixo é do 6%, que queda nun 2% efectivo ao descontar os 4 puntos a subvencionar polo Igape. Os préstamos con xuro variable terán un custo definido en base ao euríbor a seis meses, cifra á que se lle sumará un tipo adicional pactado pola empresa solicitante e a entidade financeira correspondente pero que non poderá exceder en ningún caso o 2,75%; a este xuro resultante descontaráselle o 4% de subsidiación achegada polo Igape.
 
Os investimentos subvencionables no ámbito do plan re-Inviste Ferrol estarán comprendidos entre un mínimo de 3.500 euros e un máximo de 100.000. O financiamento poderá cubrir ata o 100% do investimento. O prazo máximo de amortización dos préstamos habilitados ao abeiro desta liña será de 7 anos, incluíndo, como máximo, un ano de carencia.
 
Con esta liña de apoios serán financiables investimentos en inmobilizado material novo ou usado, incluíndo vehículos industriais, obras e equipamentos industriais. Tamén se poderán financiar investimentos en inmobilizado intanxible e os gastos de aprovisionamento correspondentes  ao inicio da actividade empresarial.
 
O programa complementará a labor que xa se leva a cabo a prol do Plan Ferrol dende a Consellería de Economía e Industria, que no 2009 concedeu, a través do Igape, axudas por importe de 12,5 millóns de euros para apoiar investimentos empresariais cifrados en 43 millóns. Pola súa banda, os préstamos mobilizados polo Igape ascenderon a 35 millóns de euros, un 115 por cento máis que en 2008.
 
A principal liña vixente para apoiar os investimentos e a creación de emprego nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal é a destinada a promover grandes investimentos empresariais mediante a concesión de subvencións a fondo perdido que cobren, como mínimo, o 20% dos investimentos en novas implantacións industriais, e o 15% no caso dos investimentos en ampliación, innovación ou modernización de instalacións empresariais xa existentes nas comarcas.
Last Updated ( Tuesday, 27 July 2010 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design