| O viveiro da Cámara de Comercio de Santiago acolleu a máis de 20 empresas no seu primeiro ano |
|
|
O principal obxectivo é proporcionar unha sede a prezos máis accesibles e facilitar os primeiros anos de actividade. O director do Igape visitou onte as instalacións, acompañado por Jesús Asorey, co que abordou diversas posibilidades de colaboración Santiago, 28 de febreiro de 2007.- O Viveiro de Empresas que a Cámara de Comercio de Santiago ten no polígono de Costa Vella supón unha axuda importante para todos aqueles emprendedores que queren poñer en marcha un proxecto propio. Rosa Mary Cardeso, xerente do viveiro, explica que o principal obxectivo das instalacións é facilitar aos novos empresarios unha oficina na que situar a sede do seu negocio a prezos moi por debaixo dos do mercado e apoiar ás empresas nos primeiros anos da súa actividade. Onte visitou as instalacións o director xeral do Igape, José Antonio Delgado Arce, acompañado polo presidente da Cámara de Santiago, Jesús Asorey, con quen abordou diversas posibilidades de colaboración en actuacións de apoio aos novos emprendedores. O viveiro comezou a funcionar hai un ano, no mes de marzo de 2006, e por el xa pasaron máis de 20 empresas algunhas delas impulsadas con formación ou apoios do Igape-, na súa maioría pertencentes ao sector servizos que, polas súas características, son as que mellor se adecúan ás instalacións de Costa Vella. Ademais de conseguir unha sede para comezar a funcionar, as empresas do viveiro da Cámara de Comercio contan con todo tipo de servizos integrais que a entidade lles ofrece a baixo custo. O prezo que as compañías pagan pola oficina inclúen os gastos de auga, luz, calefacción, servizo de limpeza, liña telefónica e ADSL, entre outros. A maiores disto, segundo explica Cardeso, os emprendedores teñen cubertos outros aspectos de xestión que a Cámara, a través do seu Viveiro de Empresas, lles ofrece; servizos de atención, cursos de formación, asesoramento en calquera aspecto que precisen ou proxectos de cooperación e busca de contactos con posibles clientes son algúns dos beneficios que o viveiro reporta ás industrias que o conforman. Raquel Morano, promotora da empresa Serindoc, e Javier Arosa, de Biomasa Forestal, son dous dos empresarios que disfrutan destas vantaxes. Os dous coinciden en sinalar como positiva a súa experiencia no viveiro e resaltan que, ademáis do aforro de custos que supón dispoñer dunha oficina en Costa Vella e os servizos cos que contan nas súas instalacións, o viveiro realiza tamén, en certa forma, un labor publicitario das empresas, proporcinándolle a oportunidade de darse a coñecer, segundo apuntan estes emprendedores. As instalacións do viveiro contan con catro plantas destinadas únicamente a albergar oficinas. Neste momento son 16 as empresas que teñen alí a súa sede, ocupando máis da metade do espacio disposto par este fin. As compañías deben cumprir unha serie de requisitos para poder instalarse no viveiro: seren empresas de nova creación, pertencer a algúns dos concellos do radio de acción da Cámara, desenvolver a súa actividade no sector servizos e realizar un proxecto de viabilidade económica. Estes proxectos pasan un proceso de selección e, finalmente, é o Comité Executivo da Cámara quen decide se o proxecto entra a formar parte do viveiro. O tempo máximo que as empresas poden permanecer nestas instalacións é de dous anos. A curto prazo, Rosa Mary Cardeso explica que o viveiro vai levar a cabo un plan de divulgación, xa que hai moitos emprendedores que non coñecen a iniciativa nin os servizos que presta. A súa intención é darse a coñecer en centros de FP e universidades, pero o deseño desta acción promocional aínda non está totalmente pechado. |
|
| Última actualización ( 12/03/2007 ) |


