| Os 200 millóns que o BEI concede ao Igape supoñen o maior préstamo a unha rexión europea para pemes |
|
|
O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, recibiu ao vicepresidente do BEI, Carlos da Silva Costa, con quen a Xunta asinou dúas liñas de crédito por valor de 250 millóns de euros, dos que 200 se destinarán ao financiamento das pemes e 50 á Vía Ártabra. Estes préstamos van dirixidos a distintos sectores de actividade como as tecnoloxías da información e a comunicación, as enerxías renovables, a biotecnoloxía médica ou a produción audiovisual co fin de reforzar a competitividade e a produtividade das empresas da comunidade.
Santiago, 30 de xaneiro de 2009.- O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, destacou esta mañá que os 200 millóns que o Banco Europeo de Investimentos (BEI) concede a Galicia supoñen o maior préstamo que a institución comunitaria ofrece a unha axencia de desenvolvemento rexional europea para o financiamento de pemes. Así o sinalou logo de recibir ao vicepresidente do BEI, Carlos da Silva Costa, con quen a Xunta, asinou dous contratos de financiamento, un por valor de 200 millóns de euros (a través do Igape) para o financiamento das pemes galegas, e outro de 50 millóns destinado á Vía Ártabra.
O titular do Goberno galego agradeceu o apoio e a confianza do Banco Europeo de Investimentos na nosa economía, na nosa comunidade e nas nosas institucións, ao facilitar financiamento para as pemes por valor de 200 millóns de euros e insistiu en que, con esta sinatura, Galicia se converte, na rexión, na comunidade de toda a Unión Europea que recibe ou coprotagoniza, que se fai responsable, deste volume de financiamento e desta capacidade de préstamo.
Hoxe é un día, sen dúbida, importante para Galicia, aseverou o máximo mandatario galego lembrando que o apoio e a confianza do Banco Europeo de Investimentos na nosa comunidade é imprescindible e vital, xustamente nestes momentos de maior dificultade económica. Emilio Pérez Touriño destacou que esta nova liña de préstamos do BEI rubricada esta mañá confirma a liña de cooperación e colaboración que xa viñamos mantendo e que hoxe -dixo-, adquire unha nova dimensión.
Préstamos ata a 12 anos
Estamos falando dunha liña de préstamos de 200 millóns de euros para apoiar proxectos empresariais do noso tecido produtivo, das nosas pemes, abondou Pérez Touriño, explicando que se trata de préstamos ata a 12 anos, cun máximo de 12,5 millóns de euros por proxecto investidor e que van soportar actividades empresariais en distintos sectores: as enerxías renovables, a biotecnoloxía médica, a produción audiovisual ou as tecnoloxías da información e a comunicación. En definitiva, unha ampla gama dos sectores de actividade, da industria e dos servizos protagonizados polos actores máis decisivos do noso tecido produtivo que son as pemes, remarcou Touriño.
O novo préstamo do BEI, que será canalizado a través do Instituto Galego de Promoción Económica, amplía a liña posta en marcha en 2008 a través do Igape, que contou cunha dotación de 30 millóns de euros que está practicamente esgotada. Coa nova operación, a liña amplíase en 200 millóns de euros. Este novo contrato enmárcase na estratexia do Goberno galego de buscar recursos e facilitar o financiamento ás empresas galegas para que ningún proxecto viable quede sen financiación. |
|
| Última actualización ( 23/04/2009 ) |


