Os investimentos apoiados por Economía medraron un 46% en 2009 e chegaron a 1.449 millóns de euros PDF
Os instrumentos de financiamento baseados en préstamos subsidiados e garantías públicas foron os que rexistraron un maior incremento; a concesión de préstamos subsidiados medrou nun 1.145%, e os avais tamén, nun 148%. O apoio a iniciativas de internacionalización empresarial creceu nun 48% con respecto ao ano anterior, e seguirá medrando ao amparo do plan re-Forza. Polo que se refire a 2010 o Instituto proponse avanzar nas súas cotas de eficacia reducindo prazos de presentación, resolución e pagamento de axudas mediante a incorporación de novos instrumentos de administración electrónica.
 
Santiago, 18 de xaneiro de 2009.- Durante o ano 2009, a Consellería de Economía e Industria deulle especial impulso, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), aos programas e instrumentos destinados a facilitar financiamento ás empresas, tanto para operacións de circulante como para realizar investimentos, así como para apoiar iniciativas de internacionalización. Para 2010, e no marco do plan re-Forza, os obxectivos centrais do Instituto que preside Javier Guerra son apoiar especialmente a internacionalización e a mellora da competitividade das empresas galegas, e facelo gañando cotas de eficiencia, reducindo prazos de presentación, resolución e pagamento de axudas mediante a incorporación de novos instrumentos de administración electrónica.
 
ImageAs axudas concedidas en 2009 a través das distintas liñas de apoio das que dispón o Igape, incluíndo os apoios directos e coxestionados, medraron en 2009 nun 207,6% con respecto ao ano anterior, pasando de 208 a 640 millóns de euros; pero o incremento foi especialmente significativo (+1.145%) no apartado dos préstamos subsidiados, foi igualmente importante nos capítulos de avais (+148%), e tamén considerable nos apoios a iniciativas de internacionalización, que medraron  nun 48% con respecto ano ano anterior; os apoios mediante subvencións e préstamos directos  creceron, entre tanto, nun 14,4%.
 
Deste xeito, os investimentos empresariais totais apoiados en 2009 ascenderon a 1.449 millóns de euros, cun incremento do 46% sobre as cifras de 2008, cando os investimentos ascenderon a 990 millóns. Entre os aspectos salientables cómpre destacar o investimento mobilizado polo plan re-Móvete, que xerou un volume de negocio de 359 millóns de euros mediante a dinamización das vendas de vehículos novos; programa polo que o Igape tivo que atender máis de 22.200 solicitudes de apoio. A porcentaxe dos investimentos apoiados mediante avais e préstamos, coa administración compartindo riscos cos empresarios, medrou nun 61% en 2009 sobre o ano anterior, mentres que os incrementos foron do 55% nos investimentos apoiados mediante subvencións.
 
Os apoios a iniciativas de proxección exterior das empresas galegas medraron en 2009 de xeito importante con respecto ao ano anterior, e prevese que sigan medrando en 2010, de acordo coas previsións orzamentarias e coas directrices estratéxicas do plan re-Forza 2010, que acaba de ser presentado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e polo conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra; os fondos destinados a este eixo medran nun 57% nos orzamentos do Igape para este ano. Por outra banda, os apoios xestionados polo Igape para o financiamento de investimentos, ben a través de subvencións ou mediante préstamos directos mantivéronse en 2009 nas mesmas cifras do ano anterior, por riba dos 81 millóns de euros, pese á situación de crise e á difícil situación financeira de moitas empresas.
 
As solicitudes de axuda recibidas polo Igape en 2009 ascenderon a 33.706, multiplicando por 4,3 as recibidas polo Instituto en 2008. A cifra de solicitudes resoltas durante o ano pasado multiplica  por 6,4 os datos correspondentes ao ano anterior, pasando así de 5.166 en 2008 a 33.257 en 2009. Grazas ás medidas de mellora da xestión introducidas durante o exercicio pasado, e pese ao espectacular incremento do número de solicitudes recibidas, dun 328%, o Igape conseguiu resolver durante o ano 2009 un número similar o das solicitudes recibidas. As melloras nos sistemas de xestión apreciase nos resultados de xestión e na antigüidade media das solicitudes pendentes, que pasou dunha media de 304 días en 2008 a unha media de só 52 en 2009.
 
Administración electrónica
Un dos obxectivos principais do plan re-Forza, que acaba de ser presentado, é seguir avanzando na procura dunha maior axilidade e na reducción dos prazos de presentación, resolución e pagamento das axudas. Neste sentido, serán de especial importancia os avances que se van incorporar no eido da administración electrónica, con medidas como a implantación da factura electrónica ou a dixitalización e cotexo electrónico, no próximo mes de marzo, e unha máis estreita integración de procesos de xestión coas entidades colaboradoras, a partir de abril, mes no que tamén está prevista a optimización e mellora dos sistemas informáticos do Instituto.
 
Para achegar aos empresarios unha maior seguridade con respecto ás axudas coas que poderán contar e en que espazos temporais, o plan re-Forza inclúe ademais unha planificación detallada con respecto das datas publicación e prazos de presentación e resolución de solicitudes de apoio ao abeiro das diferentes liñas e bases de apoios do Igape. Así, prevese a aprobación polo Consello de dirección de marzo das bases de apoio á internacionalización, das liñas de apoio á reorientación e a competitividade empresarial, das liñas de apoio a proxectos empresariais colectivos e das liñas de apoio ao investimento empresarial.
Última actualización ( 18/01/2010 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design