| O Igape promove a cooperación entre empresarios galegos e portugueses nun encontro en Braga |
|
|
As posibilidades de colaboración entre empresarios galegos e portugueses e os apoios que poderían recibir os investimentos impulsados por empresarios portugueses en Galicia centraron a participación do Igape no encontro do Partenariado de Negocios Luso-Galaico, que vén de celebrarse en Braga impulsado pola Cámara de Comercio de Ourense e a Asociación de Comerciantes de Braga.
Santiago, 30 de maio de 2008.-O Partenariado de Negocios Luso-Galaico celebrara a súa primeira fase en Ourense durante o pasado mes de marzo, nun encontro que daquela contou coa participación do director xeral do Igape, Álvaro Álvarez-Blázquez. No encontró de Braga participaron o subdirector de Información especializada do Instituto, Carlos Silva, e o técnico responsable de Información, Curro López Martínez.Os representantes do Igape amosaron o convencemento de que os empresarios galegos teñen que adoptar estratexias que lles permitan introducirse en mercados exteriores como o portugués. Na súa intervención, Carlos Silva destacou que a Cámara de Comercio de Ourense e a Asociación de Comerciantes de Braga constitúen axeitados exemplos das posibilidades que brinda a cooperación de empresas agrupadas en torno a organismos intermedios activos e eficientes. Engadiu que ambas entidades, polo seu contacto directo cos empresarios, son a chave dun proxecto colectivo como o do Partenariado, onde os empresarios galegos e portugueses teñen a ocasión de abrir novas relacións que, á súa vez, poderán orixinar futuros negocios conxuntos.
Os representantes do Igape detallaron nas sesións de traballo os apoios aos investimentos que poden atopar os investidores en Galicia, así como os servizos de orientación, apoio e asesoramento para proxectos colectivos cos que conta o instituto. Tamén tiveron a oportunidade de atender aos empresarios lusos, entre eles consultoras empresariais e unha empresa de prefabricados para a construción que planea abrir unha liña de distribución en Galicia.
Durante o encontro de Braga desenvolveuse un seminario sobre as necesidades de colaboración entre microempresas e pemes para abordar novos mercados. Segundo sinalou o vicepresidente da Asociación de Comerciantes de Braga, Macendo Barroso, iniciativas como o Partenariado Galaico-Portugués constitúen a vía axeitada para promover a cooperación entre empresas da Eurorregión. Barroso subliñou que o 30% do mercado exterior portugués ten a España como obxectivo, sendo o noso país o primeiro destino das exportacións de Portugal e o principal importador de produtos portugueses.
Pola súa banda, o vicepresidente segundo da Cámara de Comercio de Ourense, Juan Carlos Parada Rúa, destacou a aposta da entidade por intensificar as relacións co norte de Portugal, e amosouse convencido de que accións como o Partenariado serven para relacionar aos empresarios ourensanos e lusos que apostan pola apertura de novos mercados no exterior como estratexia de futuro.
Estética, moble, aeroxeneración, turismo, alimentación, construción, telecomunicacións e asesoría foron os sectores representados na delegación empresarial ourensana, que participou no encontro de Braga, onde os empresarios galegos puideron entrevistarse con preto de corenta empresas portuguesas.
O traballo do Partenariado terá continuación nun encontro a celebrar na segunda metade do ano, posiblemente en outubro. Ourense será o punto de reunión dun centenar de empresarios galegos e portugueses que terán, deste modo, unha oportunidade máis para establecer novas relacións comerciais no ámbito da Eurorrexión. |
|
| Última actualización ( 23/10/2008 ) |


Santiago, 30 de maio de 2008.-O Partenariado de Negocios Luso-Galaico celebrara a súa primeira fase en Ourense durante o pasado mes de marzo, nun encontro que daquela contou coa participación do director xeral do Igape, Álvaro Álvarez-Blázquez. No encontró de Braga participaron o subdirector de Información especializada do Instituto, Carlos Silva, e o técnico responsable de Información, Curro López Martínez.