O Instituto financia investimentos de emprendedores e pemes que se internacionalizan da man do ICO PDF
ImageOs préstamos bonificados nas catro liñas previstas poden chegar a cubrir ata o 90% dos investimentos en activos produtivos dos proxectos impulsados por emprendedores. As operacións contarán cun de prazo ata 7 anos e melloran as condicións vantaxosas do ICO cunha bonificación xeral de xuros do 0,65%, ou do 0,90% se a operación está avalada por unha sociedade de garantía recíproca.
  
Santiago, 16 de maio de 2007.- O conselleiro de Economía e Facenda e presidente do Igape, José Ramón Fernández Antonio, asinou hoxe un convenio de colaboración co presidente do Instituto de Crédito Oficial (ICO), Aurelio Martínez Estévez, que permitirá o financiamento dos proxectos empresariais e de internacionalización galegos por un importe estimado de 350 millóns de euros. O conselleiro salientou no acto da sinatura, que esta fórmula permitirá que os emprendedores e as pequenas e medianas empresas dispoñan dun importante apoio cara a posta en marcha e desenvolvemento dos seus proxectos empresariais. “Galicia está rexistrando un sólido crecemento, moi dinámico dende o punto de vista empresarial, e tanto a creación de novas compañías como os procesos de crecemento e internacionalización das existentes é unha prioridade da política económica do Goberno galego cara o incremento da competitividade, a consolidación do ritmo de crecemento e a creación de emprego”, explicou o conselleiro.
 
O convenio asinado conta con catro liñas de financiamento para investimentos entre 25.000 e 6 millóns de euros: a liña Emprendedores, a de Internacionalización, a ICO-PEME e a liña Crecemento. Para todas esas liñas, o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) bonificará os préstamos, ampliando as posibilidades de financiamento dos investimentos produtivos e proxectos de internacionalización das empresas galegas.
 
Financiamento privilexiado
As empresas poderán solicitar estas liñas de financiamento ata o 28 de febreiro de 2008. As solicitudes deberán presentarse nas entidades financeiras que as trasladarán ao Igape de xeito telemático, mediante unha extranet. As operacións contarán cun prazo máximo de 7 anos e a bonificación adicional do Igape ao tipo de xuro nominal será do 0,65% con carácter xeral. No caso de que a operación estea avalada por unha Sociedade de Garantía Recíproca (SGR) o apoio do Igape poderá chegar ao 0,90%, e cubrirá tamén o custo da comisión do aval.

 

Os préstamos poderán cubrir ata o 70% do investimento en activos produtivos novos na liña Crecemento, destinada a pemes que contasen cun cadro de persoal de 50 ou máis persoas a 31 de decembro de 2006. Polo que se refire ás liñas ICO-Peme e Internacionalización, o financiamento subsidiado pode cubrir ata o 80% dos investimentos. A porcentaxe de investimento en novos activos produtivos cuberto polas liñas de financiamento Igape-ICO pode chegar ao 90%, cando os proxectos estean impulsados por emprendedores.

 
Con este convenio, o Igape busca novas vías de financiamento para o impulso das empresas e emprendedores galegos nos seus proxectos de investimento produtivo.
Última actualización ( 29/05/2007 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design