O Igape destina 1,16 millóns de euros a apoiar o desenvolvemento do Plan Estratéxico da Automoción PDF
O Consello da Xunta vén de autorizar a continuidade do acordo entre o Instituto Galego de Promoción Económica e a Fundación do Clúster de Automoción de Galicia para o desenvolvemento do plan estratéxico deste sector. O plan, para o periodo 2007-2011, procura situar ao sector da automoción nunha posición de liderado europeo en materia de competitividade. Fixa como obxectivos o incremento do 20% na facturación global do sector; do 15% na produtividade; e do 20% no valor engadido bruto.
 
Santiago, 14 de marzo de 2008.- O Consello da Xunta autorizou na súa reunión desta mañá, o convenio entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e a Fundación do Clúster de Automoción de Galicia (CEAGA) para o desenvolvemento do Plan Estratéxico do Sector da Automoción en Galicia 2007-2011 (PESA). O Instituo dependente da Consellería de Economía e Facenda achegará para este fin 1,16 millóns de euros, o que supón un 50% do orzamento previsto polo PESA para 2008, que ascende a 2,34 millóns de euros. Este convenio da continuidade ao acordo inicial asinado en decembro de 2006 e que ten por obxecto a coordinación público-privada do PESA. Co horizonte 2007-2011, o plan persegue situar ao sector da automoción de Galicia nunha posición de liderado europeo en materia de competitividade, e contribuír ao progreso e á calidade de vida de Galicia.
 
O PESA 2007-2011 fixa como obxectivos para o periodo o incremento dun 20% na facturación global do sector; do 15% na produtividade; e do 20% no valor engadido bruto. Ademais, procurará a extensión transversal das mellores prácticas. O plan, foi elaborado polo sector de automoción de Galicia a través da Fundación Ceaga, creada co obxectivo de aglutinar nunha estrutura tipo clúster ás empresas máis representativas do sector da automoción de Galicia. Na actualidade, forman parte desta agrupación altamente innovadora a empresa construtora PSA-Citroën, radicada en Vigo e as 76 empresas máis importantes do sector dos compoñentes da automoción de Galicia. A Fundación Ceaga aglutina así un conxunto empresarial líder en exportacións e en aportación ao PIB galego.
 
A devandita Fundación desenvolverá en coordinación co Igape sete proxectos orientados a incrementar a coordinación estratéxica do sector; desenvolver un plan integral de formación e boas prácticas de xestión; impulsar a mellora da produtividade global do sector; coordinar novas plataformas loxísticas e outras infraestruturas de servizos; procurar a excelencia operativa mediante a coordinación da cadea de subministración; e mellorar aspectos referidos a coordinación comercial, de mercadotecnia, de imaxe e de comunicación do sector de automoción en Galicia.
Última actualización ( 17/03/2009 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design